4.5.10

Banda deseñada: os boirenses Martín Romero e Brais Rodríguez, no Salón do Cómic de Barcelona do 6 ao 9 de maio

Cultura e Turismo presentará “Un camiño de viñetas” no Salón do Cómic de Barcelona, que recolle a particular visión dos principais artistas da banda deseñada galega sobre a Ruta Xacobea. Entre eles, Martín Romero (Boiro) e Brais Rodríguez, tamén moi relacionado co colectivo Leña Verde.
 
Boiro, 4 de maio de 2010.- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, apoiará a presenza dos autores e as editoriais da banda deseñada galega no Salón Internacional do Cómic de Barcelona (FICOMIC), mediante a instalación de dous stands promocionais coas súas últimas creacións. Nesta XVIII edición, entre o 6 e o 9 de maio, a participación galega terá un marcado acento Xacobeo a través da exposición Un Camiño de Viñetas, promovida pola Xunta de Galicia, na que destacados autores da banda deseñada da Comunidade achegan a súa particular visión do Camiño de Santiago. O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, viaxará a Barcelona para participar na xornada inaugural o xoves día 6.

As ilustracións que forman parte desta mostra son obra de Carlos Arrojo, Diego Blanco/Kike Benloch, Cosme, Manel Cráneo, José Domingo, Jacobo Fernández Serrano, Alberto Guitián, Jano/Rodrigo Costa, Miguel Robledo, Brais Rodríguez, Martín Romero, David Rubín, Kiko da Silva, Iván Suárez e Alberto Vázquez. Asemade, o sector da banda deseñada agradecerá a valiosa e desinteresada axuda do comisario desta mostra, Benito Losada, que fixo posible a realización de Un Camiño de Viñetas.

No Salón do Cómic de Barcelona tamén se exporá o cartel ilustrativo creado por Emma Ríos para a mostra Un Camiño de Viñetas. Esta guionista e debuxante pontevedresa colaborou, entre outros, cos fanzines El Bolchevique vespentino, Esto es la guerra, Mensajes en unha botella y Comikaze. Entre os seus galardóns destaca o primeiro premio no concurso de Arteixo en 1999 co cómic Como el cielo en invierno, o terceiro premio do Certame da Banda Deseñada da Xunta de Galicia (2004) formando equipo con David Rubín, e o premio ao mellor autor revelación en Expocomic Madrid 2008, por Los Reyes Elfos: Historias de Faerie 2 e Barsowia.

Programa de actividades
Durante os catro días da feira, a actividade nos stands galegos permitirá dar a coñecer as últimas novidades da banda deseñada da nosa Comunidade. Na xornada do venres 7 de maio, os stands de Galicia acollerán dúas sesións de firmas a cargo de Diego Blanco e Mariano Casas. Xa pola tarde, terán lugar as presentacións das revistas BD Banda e Retranca, de Kiko da Silva e do álbum De Sangre e ron mi Cuba, de Fran JAraba, así como as sinaturas de Rodrigo Cota/Jano e Kiko da Silva. O sábado 8, Brais Rodríguez, Victor Rivas, José Domingo e Kiko da Silva tamén participarán nunha sesión de sinatura de exemplares e o domingo 9, ao mediodía, o fará David Rubín.


Autorretrato de David Rubín, que xa é un habitual deste Saló do Cómic

As publicacións galegas que se exporán neste Salón do Cómic de Barcelona van da man das editoras Difusora, Factoría K, Lea/Embora, o Patito Editorial, Retranca Editora, Toxosoutos, Xerais, Do Cumio, Urco Editora e Demo Editorial, e dos colelctivos autoeditores e afeccionados BD Banda, Cerditos de Guinea Cómics, Fuck Cómics, Mariano Casas, Polaqia e Sinónimos de Lucro. Na actualidade hai mais de medio centenar de autores de banda deseñada galegos, que publican en galego, castelán, inglés, francés, italiano e checo.


Autorretrato de Martín Romero, que foi entrevistado en Certo, aquí


Autorretrato de Brais Rodríguez

Tamén foi entrevistado en Certo, aquí


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical