O congreso está dirixido, principalmente, ao persoal docente de ensino non universitario, co obxectivo de compartir as súas experiencias no campo educativo sobre o cambio climático
O proxecto Climántica comezou a súa andadura fai catro anos e converteuse en referencia a nivel nacional e internacional
Barbanza-Noia, 4 de maio de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, xunto coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, organiza o I Congreso Climántica, que versará sobre as respostas educativas ao fenómeno do cambio climático. O Congreso terá lugar no Centro Social Caixanova en Pontevedra os vindeiros venres e sábado, 7 e 8 de maio. Nel participan varios docentes destas bisbarras de Noia e Barbanza, que levan implicados neste proxecto case desde o seu inicio. Este foro educativo está dirixido principalmente dirixido aos profesores do ensino non universitario, tanto de Galicia como de fóra da comunidade, que queiran dar a coñecer as súas experiencias no ámbito educativo sobre o cambio climático. O número de inscritos neste encontro educativo ambiental ascende a case 800 docentes. A programación do Congreso contará con importantes intervencións de destacados expertos no campo do Cambio Climático, así como expertos en materia de comunicación que abordará as fórmulas para romper as barreiras da comunicación en relación co cambio climático. O venres 7 de maio, ás 17:00 horas, terá lugar o acto de inauguración e, posteriormente, o xornalista e presidente da Real Academia das Ciencias e as Artes da Televisión, Manuel Campo Vidal ofrecerá a conferencia Estratexias técnicas para superar barreiras de comunicación do cambio climático.
Mesas redondas do I Congreso Climántica
A primeira mesa redonda que se organiza baixo este foro Climántica leva por título Impactos e riscos do cambio climático e intervirá: o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz- Fierros; o doutor en Química na especialidade de Oceanografía e investigador no Plymouth Marine Laboratory do Reino Unido, Xosé Antón Álvarez; o profesor de Introdución a Xeoloxía e Xeoloxía Planetaria da Universidade Complutense de Madrid, Francisco Anguita; e o profesor de Educación Ambiental da USC e presidente da Sociedade Galega de Educación Ambiental, Pablo Meira. A xornada do 8 de maio tamén se iniciará cunha mesa redonda que se centrará investigación para a mitigación e adaptación ao cambio climático. Os conferenciantes serán: o director de Meteogalicia –organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas- Vicente Pérez; o profesor da Unidade Xenética do Departamento de Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses da USC, Antonio Salas; o director da Axencia de Enerxía de Vigo, Bernardo Parajó; e o director da Cátedra Iberdrola de Investigación sobre Economía do Cambio Climático, Xavier Labandeira. O peche matinal da segunda xornada deste foro porase cun encontro sobre as experiencias en centros educativos modelos, onde os profesores poderán contar as súas experiencias docentes no ámbito do cambio climático, e pola tarde celebrarase a derradeira mesa redonda, cuxo título é Respostas educativas ao cambio climático. Os participantes serán: o catedrático de Pedagoxía social da USC, José Antonio Caride; o catedrático de Psicoloxía na Universidade Autónoma de Madrid, Ignacio Pozo; o licenciado en Ciencias Biolóxicas e doutor en Ciencias da Educación, Fernando Ojeda; e o experto en Tecnoloxías da Información e da Comunicación, José Manuel Bouzán.‘Premios Climántica’
Baixo o lema ‘ Xa somos máis recuperando o planeta’ convócanse os Premios Climántica, dirixidos aos estudantes de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e Universidade. As categorías polas cales se pode optar ao premio son: literatura, multimedia e artes plásticas, coa temática central do Cambio Climático. Os premios serán colectivos e dependerán do nivel educativo do participante premiado; os estudantes de 5º e 6º de Primaria optarán a unha estancia formativa nun campamento ambiental, os de ESO gañarán unha travesía de 5 días nun veleiro visitando puntos do litoral galego e os de Bacharelato e universitarios tamén disfrutarán dunha estancia formativa nun campamento ambiental. Os traballos deberán enviarse antes do 10 de maio ao correo concursos@climantica.org ou por correo ordinario á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, que depende da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Proxecto Climántica
O proxecto Climántica é un programa de educación ambiental organizado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Este proxecto, que se iniciou en 2006, é froito dun traballo en equipo levado a cabo por diferentes expertos. A actual Xunta considera prioritario afrontar nesta lexislatura unha estratexia rigorosa, eficaz e realista en materia de loita contra o cambio climático. Esta estratexia materializouse co Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático 2010-2020.Na súa primeira parte, traballarase nun horizonte temporal inmediato, cara o 2012, e comprende unha serie de medidas concretas a desenvolver no marco do cumprimento dos compromisos derivados do Protocolo de Kioto. Nunha segunda etapa, abordaranse varios proxectos estratéxicos para o período 2013-2020, planificados polo Cumio de Copenhage celebrado o pasado mes de decembro. Así, incluiranse proxectos estratéxicos que colaborarán con España e coa Unión Europea na redución de gases de efecto invernadoiro para acadar os obxectivos globais que se establezan para o ano 2020. Toda a documentación das unidades xunto coa información xeral, está accesible no espazo web www.climantica.org, onde tamén se deseñou unha plataforma de traballo para os docentes. De feito, dende a posta en marcha do proxecto obtivo unha notable repercusión internacional polas características e a accesibilidade ao material didáctico. <embed src="http://tv.climantica.org/flash/player.swf" flashvars="file= " width="460" height="345" />
Algunhas referencias de Barbanza e Noia:
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario