4.5.10

Deportes: 6 euros para poder ver o SuperCross "Cidade de Riveira" este sábado 8 de maio en San Alberte

Din que é o circuíto número un de España de supercross e que van estar "motocrosseiros" de alto nivel

Ribeira, 4 de maio de 2010.- Algúns dos pilotos de elite do mapa peninsular acudirán ao concello para disputar este sábado, día 8 de maio, a undécima edición do Campionato Galego de Supercross "Cidade de Riveira" que organiza a Motoclub Riveira School. Para poder asistir á proba estableceuse unha contribución mínima de 6 euros. Para falar desta cita, que puntúa para o Campionato de España, acudiu á casa consistorial o presidente da devandita entidade, Manuel Santos Rego, quen salientou que o circuíto onde se celebrará o evento, de 700 metros de lonxitude e que está localizado en San Alberte, é segundo os expertos o número un de España en supercross: “é un circuíto moi técnico e tremendamente espectacular que foi construído para pilotos de alto nivel”, afirmou.

Máis de 75 participantes

Asemade, anunciou que os adestramentos terán lugar pola mañá a partir das 11 horas e as carreiras ás 17 horas. Competirán entre 75 e 80 pilotos (unha cifra inferior a de anteriores edicións por mor da crise, pero na que figuran os deportistas de máis alto nivel) que estarán repartidos en 7 categorías: alevín, xuvenil, cadete, promoción, junior, veterano e senior.

Adrián Garrido, imaxe da súa web, aquí

Entre os pilotos que participarán na proba, Santos Rego destacou ao campión galego Adrián Garrido; a Ángel Suárez, quen foi subcampión de España xuvenil e corre actualmente na categoría cadete; así como a un espectacular piloto de doce anos de idade que está chamado a ser, na opinión de Manuel Santos, futuro campión nacional. Tamén advertiu que é case segura a presenza no certame de Román Pérez, campión de Portugal de elite.

Pola súa parte, o edil de Turismo de Ribeira, Vicente García Rivas, animou á xente a que acuda ao monte de San Alberte para presenciar este acontecemento e brindou a disposición do Concello para colaborar neste tipo de iniciativas. O concelleiro de Deportes, Miguel Ángel Vidal Tomé, que pechou o acto, declarou que máis que un deporte, este campionato “é un espectáculo que vai enganchar a todo o mundo”.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical