Ribeira, 4 de maio de 2010.- Logo da boa resposta recibida polas Xornadas Saudables levadas a cabo por primeira vez o ano pasado, a Concellería de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia organiza este mes de maio unha segunda edición da iniciativa, que contará cun total de catro conferencias. Aínda que adscrita ao Programa de Animación e Promoción Social dos Maiores, esta iniciativa está aberta ao público en xeral con independencia da súa idade. Todas as charlas terán lugar no Salón de Actos da Casa do Mar de Riveira, en horario de 17 a 18.30 horas.
Segundo explicou a concelleira municipal competente, Esther Patiño, a primeira da charlas celebrarase no día de mañá (5 de maio) e versará sobre “o coidado da vista”. Correrá a cargo do óptico Segundo Petisco Freire. A segunda xornada terá lugar o día 12 de maio e, co título “Seguridade Vial”, será impartida polo intendente da Policía Local de Ribeira, José Antonio Brandariz Castelo.
A terceira, programada para o 19 de maio, tratará a “Saúde Bucodental” e estará desenvolvida polo doutor Iván Vázquez Navas, médico odontólogo. Por último, o sarxento xefe do Parque de Bombeiros, Óscar Casais Montemuíño, falará da “Prevención de Perigos domésticos”.
Tanto Esther Patiño como a xefa de servizo dos Servizos Sociais, Francisca Vidal, quixeron animar á xente a que acudan a estas xornadas ante a importancia dos temas que se van tratar.
Para máis información e inscrición, contactar co Departamento de Servizos Sociais, sito na rúa de Correos nº5 de Santa Uxía (números de teléfono 981 874 131 e 981 873 409).
Imaxe da presentación do ano pasado
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario