13.5.10

Rianxo: o Bng suxire como aforrar 50.000 euros nun só ano coa redución de cargos

Pide supresión de cargos de confianza e exclusivas "para apretarse realmente o cinto"

Rianxo, 13 de maio de 2010. Logo do controvertido anuncio onte do presidente do Goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero, de reducción e conxelación de soldos de funcionarios e retraso de inversións, os nacionalistas de Rianxo pídenlle medidas semellantes ao equipo de goberno local, dirixido polo socialista Pedro Piñeiro, que tamén onte propuxo algunhas. "Se quere aplicar medidas eficaces para baixar os gastos do executivo sería máis efectivo prescindir dos cargos de confianza do alcalde como é a xerencia, eliminar unha das exclusivas e rebaixar os gastos do avogado do alcalde. Estaríamos preto entón dunha rebaixa anual de máis de máis de 50.000 euros. Moi superior ao aforro ás medidas plantexadas onte polo alcalde", explican en nota de prensa.

Fóra afíns e candidatos socialistas

Mais aí non para a suxerencia. "Xunto a isto prescindir de contratos para os afíns e candidatos das listas electorais do PSOE sería tamén outra fonte de aforro importante", aseguran os do Bng local, comandados por Adolfo Muíños.

"Entre outras medidas tamén compre que o alcalde aproveite os plenos ordinarios para introducir propostas do goberno sen recorrer aos plenos extraordinarios que sen causa urxente que os xustifique se convocan, ás veces uns días antes apenas dun pleno ordinario, onde paradoxicamente non presenta o executivo ningunha proposta. Concentrar nos plenos ordinarios previstos por lei os asuntos municipais contribuiría a rebaixar substancialmente os gastos evitando doble pago das sesións e non baleirando de contido os plenos ordinarios", engaden.


Que se avance na implantación da e-administración

Outra proposta é que se remitan por correo electrónico os acordos do pleno e actas das comisións en troques da copia en papel para todos os concelleiros. "Evitaríase así a impresión e estrago de papel e fotocopiado indiscriminado de documentos. Avanzar na implantación da administración electrónica é unha das tarefas pendentes", argumentan dende o Bng.

Tamén considera o BNG necesario evitar o abuso do procedemento negociado nos que directamente o alcalde chama empresas e adxudica obras, "xeralmente por un importe igual ou apenas uns euros por baixo do prezo exposto, en troques de abrir os procesos, dar publicidade, admitir a libre concorrencia e escoller a proposta máis proveitosa para o concello. Son apenas unhas medidas iniciais de carácter interno pero que irían moito máis alá do brinde ao sol dunha suposta austeridade que non se vé por ningures", rematan.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical