Feira de Artesanía na Cachada
Nas Letras Galegas deste ano aproveitamos a excusa que Novoneyra nos dá para revisar os oficios da terra, aludindo á importancia que el daba á vivencia desta na tradición cultural galaica.
Cesteiros, zoqueiros, oleiros, ferreiros, canteiros conforman entre outros o panorama artesanal actual, e de entre eles atopamos a uns cantos que accederon a vir facer unha pequena mostra do seu traballo ó insti, o vindeiro venres 14 de maio, de 12:35 a 14:15. Organizados en pequenos postos, a modo dun mercado tradicional, amosarán a súa arte para que alumnado e profesorado nos acheguemos a ese interesante mundo.
Tralo recreo, cada grupo de alumnos acudirá ao patio acompañado do seu profesor, onde terá lugar unha exhibición de afiador-paragüeiro, o oficio ambulante por excelencia, moi característico de Ourense; os afiadores ían polos lugares máis afastados da súa aldea ofrecendo os seus servicios. Coma noutros oficios, crearon unha linguaxe peculiar e propia, o chamado barallete. Levaban un asubío xeralmente feito de madeira de buxo que facían soar co seu tan coñecido pregón: “¡Afiador e paraugueiro…!! “ A partires dun número que triunfou nos teatros galegos, o actor Pepe Penabade achegaranos o singular mundo dos oficios e as xergas dos mesmos.
Logo do espectáculo do afiador, poderemos achegarnos pequenos postos onde cada artesán amosará os pormenores do seu oficio: un vidrieiro, un ceramista (Unzueta), unha orfebre (Elena), un carpinteiro de ribeira (de Asteleiros Losada), un traballador do coiro (Fer) e un luthier tradicional (Nebra), serán os encargados de nos amosar como se traballaba nos seus oficios antigamente.
Para ambientar a mostra, no valado que rodea as pistas estarán pendurados murais sobre os oficios artesanais que elaborarou o alumnado de 2º da ESO.
Moreiras.blogaliza.org é "O Cachatronic", blog de Tecnoloxía do IES A Cachada.
Non se pode estar en todo (que nolo digan a nós), pero botamos en falta un cesteiro. En Boiro ata hai topónimos que aluden a este oficio (Vimieiro, lugar de vimes ou bimbios, as pólas do arbusto co que se fan os cestos, pólas coas que aínda se atan hoxe as viñas por toda a contorna).
Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario