14.5.10

Ribeira: xa se pode ver a mostra itinerante de arte contemporánea "Iacobus Gallaecia" no auditorio

Ribeira, 14 de maio de 2010. Pilar Ron en representación da Sociedade do Xacobeo e Luciano Fernández como edil de Cultura ribeirense foron os encargados de inaugurar este serán a exposición “Iacobus Gallaecia”, mostra que se pode admirar no Auditorio Municipal ata o vindeiro 13 de xuño.  

Esta exposición itinerante recolle unha selección de obras creadas por autores galegos, moitas das cales nutriron no seu día a colección do Xacobeo na Expo’92 de Sevilla: nomes como Álvarez Basso, Berta Cáccamo, Freixanes, Lamazares, entre outros, que representaron no Pavillón de Galicia o panorama artístico desta terra. 

Así mesmo, exhíbense tamén traballos doutros artistas sempre na pretensión de poñer en valor a creatividade galega. Tal é o caso de Sucasas, Antón García Patiño ou Paco Pestana.

Pilar Ron manifestou durante o acto inaugural que con esta mostra se quere dar a coñecer parte da colección de arte contemporánea que o Xacobeo reuniu durante estes anos, ofrecendo ao público un achegamento á obra de autores galegos actuais e de recoñecido prestixio.  

Terceiro destino

Ribeira é o terceiro destino no que recala a exposición, tras ser exhibida en Santiago de Compostela e Noia. Fernández convidou aos ribeirenses e aos barbanzanos en xeral a que non deixen de acudir ao Auditorio para contemplar esta magnífica mostra, que forma parte da programación do Maio Cultural desenvolvido polo Concello. A Sala de Exposicións do Auditorio estará aberta de luns a venres en horario de 11 a 14 horas; e martes, mércores e sábados de 19 a 21 horas.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical