Ana Pontón demanda que o centro de día “sexa de xestión pública”
A Pobra do Caramiñal, 29 de maio de 2010.- A deputada do BNG pola comarca da Barbanza, Ana Pontón, ven de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego pola que lle esixe á Xunta de Galiza que licite as obras de construción do Centro de Día da Pobra do Caramiñal.
A deputada nacionalista lembra que o 29 de maio de 2008 o concello da Pobra aprobou a cesión dos terreos ao Consorcio Galego de Servizos Sociais para a construción deste centro, existindo o compromiso por parte do Goberno Bipartito de que as obras se iniciarían durante o ano 2009. Incluso, a inicios do pasado ano estaba redactado o proxecto para que puidera ser licitado sen demora.
Porén, Ana Pontón denuncia que o retorno do PP á Xunta de Galicia “supuxo unha parálise deste proxecto”. “De feito –advirte- o Goberno de Feijoo non se ten comprometido publicamente coa construción deste centro de día, nin impulsou, ao longo deste ano, o inicio das obras”.
“Únicamente –engade- o alcalde da Pobra, actuando de portavoz da Xunta, fixo un resumo das características que ía ter o centro de día, pero para nada se explicou por qué a actual Consellaría de Traballo e Benestar non licitou as obras nin ofreceu ningún prazo sobre cando se abrirá”.
Neste sentido, a deputada nacionalista subliña que “para o BNG a prioridade é que este Centro de Día sexa construído e que se garanta a súa xestión pública”. “A actual Xunta está a dilatar a licitación da construción deste edificio e agora elude dar datos concretos sobre cales son as súas intencións”, advirte.
Ante esta situación, Ana Pontón pregúntalle ao Goberno do PP se ten previsto licitar as obras de construción deste edificio ao longo deste ano; se vai facer a obra no terreo cedido o 29 de maio de 2008 polo Concello da Pobra, e , en todo caso, se garante que a xestión deste servizo vai ser pública.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario