Na presentación do curso o tenente alcalde e voceiro nacionalista en Dodro, Anxo Franco, deulle a benvida a todos os alumnos e alumnas, ao tempo que resaltou que, "hoxe en día, as enerxías renovábeis e sobre todo, dentro delas, a instalación de paneis solares, son actividades económicas moi interesantes na xeneración de emprego, polo que o grao de inserción laboral pode ser moi elevado".
Este curso acubilla alumnos dos concellos de Lousame, Rois, Padrón, Rianxo, Boiro, A Pobra, Ribeira, Porto do Son e por suposto Dodro. Nese mesmo territorio a Rede Xiana tamén ten en marcha outro curso, o de panadería en Rois. O ano pasado foran concedidos aos concellos de Boiro e Porto do Son, e o grao de inserción laboral dese ano foi superior ao 70%. Anxo Franco espera que o deste ano sexa similar, "o que permitiría que máis dunha ducia dos alumnos conseguiran un posto de traballo tras rematar o curso, o que sería unha excelente noticia nos tempos de crise que corren", sinalou.
É a primeira vez que o concello de Dodro ten a oportunidade de celebrar un curso destas dimensións, tanto pola temática, pola duración coma polas condicións económicas do curso.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario