No río Té hai numerosas vertedurasRianxo, 10 de xuño de 2010. O BNG de Rianxo proporá unha modificación do regulamento vixente de verteduras de Rianxo para incluír un réxime de sancións ás empresas concesionarias (actual e futuras) do saneamento, cando tras o oportuno expediente se comprobe a súa acción ou inacción diante dunha vertedura. "Non pode ser que a depuradora verta directamente ao mar ou as estacións de bombeos se paren sen que a empresa responsábel asuma uns custes por iso, do mesmo xeito que as empresas que producen a contaminación son sancionadas", explican.
Os nacionalistas cren que "así terán unha actuación máis activa, obrigaranse a ter unha maior e mellor plantilla de traballadores para solucionar axiña os problemas e evitar que o concello sexa o único en realizar investimentos na rede".
"Dase o caso neste ano que é o propio erario público o que vai instalar avisadores automáticos nas estacións de bombeos cando se paren, con cargo aos fondos estatais, sen que a concesionaria poña un euro nesta mellora nun sistema que permitiría avisar inmediatamente e localizar en tempo real un problema, sen agardar como até o de agora que sexan os veciños ou o BNG quen denuncien a paralización dun bombeo coa vertedura conseguinte directa ao río", argumentan..
O BNG tamén quere que as concesións públicas municipais sexan máis curtas, como máximo dez anos, e que impliquen unha revisión do contrato de saneamento máis vantaxoso para o municipio, con mellores actuacións das empresas que opten a xestionar os servizos e evitar así o relaxo no mantemento, ou a case nula obra adicional á espera da actuación pública. A decisión no seu día do executivo sen o apoio do BNG de dar unha concesión a vinte anos "cremos non tensiona á empresa a colaborar nada máis que nos cobros e nos ingresos", aducen.
Ao BNG sorpréndelle que o executivo "despois de tantos anos de botar culpas aos veciños polos seus hábitos, ás empresas, por fin se centre na insuficiencia da depuradora actual e na deficiente rede separativa de pluviais e saneamento a problemática, pese a que non precisa chover para que a rede funcione mal". E conclúen afirmando que se perdeu "un tempo precioso en especulacións e desinformacións. Agora só falta que a Xunta tome cartas no asunto e rematados estes estudos preliminares acometa o máis difícil: poñer sobre a mesa o financiamento preciso no orzamento vindeiro para acometer esas dúas actuacións. Por un lado a ampliación da capacidade da depuradora e, por outro, investimento para separar as redes.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario