21.6.10

Ribeira: entregadas por fin 18 das vivendas de Xarás, en réxime de alugueiro

A meirande parte dos adxudicatarios pagará entre 123 e 141 euros de aluguer mensual por unhas vivendas nas que o IGVS investiu preto de 1,6 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, botoulle a culpa ao anterior Goberno Bipartito da parálise na construción das vivendas e do proceso de adxudicación

Ribeira, 21 de xuño de 2010.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné, presidiron esta mañá, no concello de Ribeira, o acto de entrega aos seus adxudicatarios das 18 vivendas de promoción pública construídas por este organismo en Xarás.

Todas as vivendas entregadas son en réxime de alugueiro. Proximamente entregaranse outras tres vivendas en réxime de compravenda, que están pendentes de aprobación do préstamo hipotecario pola entidade financeira. A meirande parte dos adxudicatarios (16) pagarán cantidades mensuais que oscilan entre os 122 e os 140 euros. Nos outros dous casos as rendas a pagar son de 93 e 234 euros mensuais. As diferenzas responden ás distintas superficies das vivendas e á subvención recibida sobre o prezo real do alugueiro, que pode ser do 60 ou do 40 por cento, segundo os ingresos familiares ponderados.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, destacou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu 1.591.189 euros na construción das 21 vivendas, “que xa foran iniciadas polo Goberno anterior ao bipartito, en marzo de 2005 e que, lamentablemente, estiveron paralizadas nos anos de Goberno bipartito na Xunta”, recordou.

Construción das vivendas e elaboración das listas de adxudicatarios

Calvo lembrou que “a antiga Consellería de Vivenda e Solo tardou dous anos en rescindir o contrato coa empresa adxudicataria que estaba a incumprir os prazos previstos no programa de traballo, mantendo un ritmo de execución moi lento”. Finalmente o fixo en maio de 2007, “pero despois diso as obras aínda estiveron paradas case outro ano máis. Non foi ata abril de 2008 cando contrataron unha nova empresa para a execución das obras”, explicou Calvo.

Polo que respecta á elaboración das listas de adxudicatarios tamén houbo retrasos. Foi necesario realizar dúas convocatorias, xa que na primeira quedaron vivendas vacantes. Calvo asegurou que a lista definitiva quedou aprobada en xaneiro de 2010 “seis meses despois da constitución da Comisión Provincial de Vivenda do actual Goberno na Xunta, pola contra, a antiga Consellería de Vivenda necesitou dous anos para aprobar a mesma lista na primeira convocatoria”.

En maio de 2005 iniciouse a primeira das convocatorias. A lista provisional foi aprobada polo Concello en decembro dese mesmo ano. O expediente foi remitido ao IGVS o 20 de febreiro de 2006. Exactamente dous anos máis tarde. Despois dunha “longa revisión” dos expedientes, o anterior departamento autonómico de Vivenda aprobou a primeira lista definitiva en febreiro de 2008.

Dado que na primeira convocatoria só se adxudicaron 15 das 21 vivendas construídas, en febreiro de 2008 iníciase unha nova convocatoria para a adxudicación das seis vivendas vacantes. O Concello aprobou a lista provisional en outubro dese ano, pero os anteriores responsables da Consellería de Vivenda nin sequera realizaron a revisión dos expedientes. Dita revisión realizouse despois do cambio de goberno en 2009. En xullo dese ano constituíuse a Comisión Provincial de Vivenda e, seis meses despois, en xaneiro de 2010, quedou aprobada a lista.

Insólitas subvencións
De maneira insólita, a antiga Consellería de Vivenda e Solo gastou un total de 62.000 euros en subvencións imprevistas aos primeiros integrantes da lista provisional de adxudicatarios das vivendas de Xarás. “É o único caso de que se ten constancia na historia da vivenda de promoción pública no que se outorgaron subvencións polo mero feito de estar a formar parte dunha lista de adxudicatarios de vivendas de promoción pública, que ademais era provisional”, explicou Calvo.

Os adxudicatarios que ocupaban os 16 primeiros postos da lista provisional de adxudicatarios recibiron un pago de 2.000 euros en marzo de 2008. Un ano máis tarde, o 20 de febreiro de 2009, só uns días antes das eleccións autonómicas, recibiron un segundo pago por importe doutros 2.000 euros por familia. Neste caso foron 15 as familias que recibiron a axuda, xa que un dos integrantes da lista provisional xa renunciara á vivenda.

Descrición das vivendas
As 21 vivendas construídas en Ribeira distribúense en sete casas con portais independentes, dispoñendo cada una delas de planta baixa, planta alta e baixo cuberta. Na planta baixa sitúanse unha vivenda e os garaxes, rochos e locais de instalacións. Nas plantas alta e baixo cuberta emprázanse as vivendas de catro dormitorios, tipo dúplex, das que existen dúas en cada edificio.

En total son 14 as vivendas tipo dúplex, dotadas de catro dormitorios cada unha e cunha superficie útil de 90 metros cadrados. Outras seis vivendas dispoñen de tres dormitorios e unha superficie útil de 78,45 metros cadrados. Finalmente, unha vivenda de dous dormitorios está adaptada para o seu uso por persoas con mobilidade reducida e dispón de 78,70 metros cadrados. Todas as vivendas contan con salón, cociña, baños, unha praza de garaxe e rocho.

Os edificios teñen fachada con recebo monocapa sobre cerramento con dobre tabique de ladrillo e cámara illada, e carpintería exterior de aluminio lacado en cor. A carpintería interior é de madeira e os pavimentos son de linoleum monocapa homoxéneo no corredor, salón comedor e dormitorios e baldosa de gres en cociña, rochos e zonas húmidas.

Relacionada:

Xarás, o conto de nunca entregarás

E máis novas sobre o asunto, aquí

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical