21.6.10

Vivenda: as oficinas de rehabilitación de Noia e Rianxo asumen máis competencias mentres lle baixan a subvención

Parte dos alcaldes quéixanse de que se reducen as partidas orzamentarias e se aumentan os traballos a realizar

Imaxe de grupo dos alcaldes que asinaron o convenio hoxe en Santiago

Rianxo-Noia, 21 de xuño de 2010. Ata o de agora, as competencias das oficinas de rehabilitación (nestas bisbarras hai unha en Rianxo e outra en Noia, ademais das cercanas de Padrón e Muros) eran tan só ofrecer información e tramitar axudas das áreas de rehabilitación, así como expedir os informes da cédula de rehabilitación. Agora, segundo o convenio asinado esta mañá pola Consellería de Medio Ambiente e Territorio, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), pasarán tamén a ser puntos de información sobre axudas de rehabilitación do Plan de Vivenda alleas á área de rehabilitación e polo
tanto aplicables a todo o concello; punto de información sobre axudas autonómicas para rehabilitación en conxuntos históricos e punto de información sobre axudas autonómicas de rehabilitación rural.
No que atinxe a Noia e Rianxo, este acordo supón incrementar os traballos do persoal destas oficinas cando a subvención (o 90% dos gastos corrían por parte do IGVS e agora, se os datos son correctos, baixan ao 50%) non medra. A Noia concédenselle 42.368,77 euros, a Rianxo 35.000, a Muros 46.599,54 e a Padrón 40.120. Os concellos que poden verse algo beneficiados son os que pasan de 25.000 habitantes, aos que se lles aumentan as axudas nun 33%, segundo a Xunta.

Nota de prensa íntegra da Consellería de Medio Ambiente:

Un momento da comparecencia do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández

Santiago, 21 de xuño de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), asinou hoxe convenios con trinta e tres concellos galegos que dispoñen de oficina de rehabilitación, regulando nos mesmos a colaboración na difusión das axudas en materia de vivenda e a tramitación de determinados aspectos das mesmas. O convenio co concello de Lugo, que tamén dispón de oficina de rehabilitación, foi asinado o pasado mes de maio. Os convenios tamén regulan o financiamento das oficinas de rehabilitación por parte do IGVS e a posibilidade de que os concellos se acollan ao financiamento, para os mesmos fins, do Ministerio de Vivenda, comprometéndose o IGVS a levalo ante a Comisión Bilateral de Seguimento do Plan de Vivenda.

O acto estivo presidido polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e ao mesmo tamén asistiron o presidente da FEGAMP, Carlos Fernández, así como alcaldes e representantes municipais dos 34 concellos asinantes. O responsable da política de vivenda da Xunta de Galicia salientou que as oficinas de rehabilitación convértense, tras a firma destes convenios, nun instrumento ao servizo dos cidadáns para mellorar o acceso a unha vivenda digna. Neste sentido, salientou importante esforzo realizado nun momento de dificultades, incrementando nun 33% as axudas aos concellos de mais de 25.000 habitantes. O investimento da Xunta de Galicia en 2010 para potenciar as oficinas municipais de rehabilitación ascenderá a 1,8 millóns de euros (para 34 concellos, polo que corresponde unha media de 52.000 euros escasos para cada un, se fose proporcional e non atendese a parámetros poboacionais).


Oficina de rehabilitación de Noia

Con estes convenios poténcianse as oficinas municipais de rehabilitación como portelos únicos e búscase un mellor emprego dos medios e persoal existente. Procúrase ademais unha actuación máis eficaz evitando a repetición de actos administrativos, como a inspección das mesmas obras por parte de técnicos municipais, técnicos da oficina de rehabilitación e técnicos da Xunta de Galicia cando ditas inspeccións poden ser realizadas exclusivamente polos técnicos da oficina de rehabilitación. Os convenios asinados hoxe regulan a colaboración entre administracións a través das oficinas de rehabilitación municipais-portelos únicos de información e xestión sobre axudas do plan de vivenda e outras actuacións das políticas de vivenda.

Ditas oficinas de rehabilitación-portelos únicos continuarán xestionando as axudas relativas ás áreas de rehabilitación declaradas en cada unha das cidades asinantes dos convenios, pero tamén prestarán servizos como instrumento técnico de asesoramento e colaborarán na divulgación das axudas estatais e autonómicas do Plan de Vivenda, así como dos programas autonómicos en materia de rehabilitación que se aproben no período de vixencia do convenio. Os convenios asinados tamén encomendan ás oficinas de rehabilitación-portelos únicos as tramitacións de tipo técnico referidas ás actuacións en materia de rehabilitación con axudas autonómicas ou estatais, como son as axudas de áreas de rehabilitación, as axudas Renove do Plan de Vivenda e as axudas autonómicas de rehabilitación en conxuntos históricos ou no medio rural.

O obxectivo da Xunta de Galicia é mellorar a atención que a administración presta aos cidadáns, racionalizando o emprego dos medios técnicos e humanos dispoñibles e que ata o de agora estaban infrautilizados. Desta maneira, ao traballo das oficinas de rehabilitación incorporase ofrecer información sobre axudas tales como a rehabilitación de edificios e vivendas do Plan de Vivenda 2009-2012, as axudas autonómicas de rehabilitación rural e de cascos históricos (cando sexa o caso) e calquera outra axuda en materia de rehabilitación.

Financiamento
O IGVS financiará ata o 50 por cento dos custes das oficinas municipais de rehabilitación-portelos únicos, co límite de 80.000 euros para cada oficina emprazada en concellos de máis de 25.000 habitantes e 60.000 para o resto de concellos. Este ano o financiamento do IGVS para as oficinas de rehabilitación de concellos de máis de 25.000 habitantes incrementouse nun 33 por cento, pasando de 60.000 a 80.000 euros.

O cincuenta por cento da cantidade asignada a cada concello pagarase despois da sinatura do convenio e o restante 50 por cento unha vez que o Concello certifique o total do gasto realizado en 2010. Os convenios tamén recollen a posibilidade de que os Concellos, se é a súa vontade, se poidan acoller ao financiamento do Plan de Vivenda con cargo ao Ministerio de Vivenda, comprometéndose o IGVS a impulsar a súa solicitude ante a Comisión Bilateral de Seguimento do Plan de Vivenda, que reunirá a representantes do Ministerio de Vivenda e do IGVS.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical