NO DÍA DA PATRIA GALEGA
CARTA ABERTA A DANIEL R. CASTELAO
Benquerido e sobranceiro rianxeiro:
Diríxome a vostede – agora que pola infinita misericordia divina goza da presenza de Deus- para que lle pregue pola nosa Terra, porque dende que vivimos en democracia e a pesares de ter Estatuto Galego de Autonomía, este país leva unha derrota con rumbo ao abismo – semella que coma Ulises - seguindo cantos de serea.
A situación político-económico-social na que nos atopamos aproxímase moito á que vostede denunciaba en “Cousas da Vida” co debuxo da vaca pacendo en Galicia e muxida en Madrid, e tamén con aqueles outros de caciques. Destes estamos moi ben servidos, en cantidade: medraron exponencialmente. En calidade hainos: caciques, cacicóns e caciquiños.
No referente ao da vaca muxida en Madrid heille dicir: Galicia é a maior produtora de enerxia eléctrica de España. Pois ben: as meirandes empresas que a producen teñen a sede fóra de Galicia, e pagan o IVE, o Imposto de Sociedades alí. Para máis aldraxe, unha das máis importantes, en orixe era galega, con sede na Coruña, e decidiu levar a sede a Madrid para ampliar mercados ¿?
O certo é que fan aos ricos máis ricos. Eiquí muxen os nosos ríos e asolagan os nosos vales.
Galicia é a maior produtora de España de carne e leite de vacún, pero as grandes empresas de transformación do leite teñen a razón social fóra, algunhas despois de ser subvencionadas nun 75% a fondo perdido, e logo vendida a unha corporation americana con altísimos beneficios. Os nosos gobernantes, coma parvos - algúns deses fan reloxios de madeira - non esixiron a devolución das subvencións. Outras, malvendidas aos franceses…
Autopistas do Atlántico, S. A. - vía de pago por peaxe -: a dona era a Xunta de Galicia, antes de vendela a unha corporation americana. Se lle é rendible os americanos, non nolo sería a nós?
Seguimos a estar nos derradeiros lugares das autonomías españolas no referido a Ensino, PIB e Renta per Cápita.
Remato co seu querido Rianxo. Alí estáse a rematar a construcción dun polígono industrial, promovido e comercializado por empresas con sede en Madrid.
Para que teña máis efecto a petición diante de Deus, pida que lle acompañe o noso Patrón, o Apóstolo Santiago, o máis sobranceiro galego.
Cos máis afectuosos respetos,
M.J. Blanco Gey
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario