15.7.10

Ribeira: Corrubedo suma á súa Festa do Carme este venres 16 un acto en memoria do naufraxio do Debonair


Detrás desta gran duna, na praia, atoparon o iate inglés Debonair

Ribeira, 15 de xullo de 2010. O clube de xubilados de Corrubedo vai lembrar este venres 16 de xullo, Día do Carme, o naufraxio do iate británico Debonair, do que se cumpre xa medio século. Un escudo no peirao e unha placa no adro da igrexa, obras do artista ribeirense Jontxu Argibay, van ser descubertos o Día do Carme. A misa principal estará adicada especialmente aos que axudaron naquel triste suceso, moitos deles xa finados. O clube de xubilados acepta doazóns para pagar esta placa e o escudo.

Como é habitual na festa da patrona dos mariñeiros, logo da misa haberá procesión, pasarrúas e baixada ao peirao, onde se descubrirá o escudo da lembranza do naufraxio. Despois haberá petiscos na casa do mar de Corrubedo, amenizados con música.

Historia do naufraxio do Debonair

No Debonair viaxaban, aló por outubro de 1960, un matrimonio inglés e o seu bebé. Un forte trebón no mar fixo que fose arrastrado cara aos cantís de Corrubedo de madrugada. O primeiro en ver o desastre, que levara ao Debonair á praia das Dunas, foi Alejandro Reino, un albanel de Corrubedo. Saíu da casa e atopou no Debonair a unha parella co seu bebé medio soterrados na area, a piques da hipotermia. Levounos para a casa, arroupounos e deulles o almorzo mentres se repoñían do susto.

Alejandro Reino non lles entendía nada aos ingleses. Pero coa axuda doutros do pobo, mobilizouse todo un operativo para solucionar a desgraza. A Garda Civil presentouse, o cura chamou a repique coas campás a todo o mundo e os homes do pobo puxéronse a sacar a embarcación da auga. Precisáronse 40 vacas dos labradores do lugar para tirar da plataforma de madeira que puxeron debaixo do Debonair para poder sacalo.

Faro de Corrubedo

O barco tirouse catro meses varado na praia, agardando pola primavera, para poder levalo a un asteleiro en Vigo, onde foi reparado. Durante ese tempo, a familia inglesa continuou refuxiada na casa de Alejandro Reino. Como se entendían? Atoparon uns intérpretes ocasionais: un matrimonio ribeirense que estivera emigrado en Norteamérica. O xoguete das mozas e as nenas do pobo era o neno, que era moi loiro e ao que todas querían no colo, contan os vellos.

Ondas un día de temporal en Corrubedo

Os ingleses marcharon. Cruzaron algunha carta, pero nunca máis voltaron. Polo visto, a súa intención era percorrer o mundo no seu iate. O pai era coxo (polo visto mutilado na guerra de Corea) e andaría sobre os cincuenta anos. A nai era moito máis moza, pasaba pouco dos vinte. O bebé aínda non cumprira o ano de vida. Tiñan un can, que tamén safou. Todos estes detalles está a recopilalos José Romay, carteiro de Corrubedo, que no momento daquel suceso tiña 27 anos.

A Sociedade Española de Salvamento de Náufragos concedeulle a Corrubedo por esta acción unha medalla, que aínda hoxe loce no seu manto a Virxe do Carme na igrexa.

O último naufraxio en Corrubedo foi o da Yamburg

En Corrubedo naufragaron moitos barcos e con bastante máis mala fortuna que o Debonair. Entre outros, o Dom Pedro (1895), o Salier (1896), o Palermo (1910), o Cornevi (1916 ou o Albatros (1954).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical