Ribeira, 8 de xullo de 2010. Tres concertos porán o punto final este venres, sábado e domingo ao curso 2009-2010 da Aula Galega de Saxofón: unha iniciativa pioneira e única na Comunidade Autónoma coa que, dende o Conservatorio Profesional de Ribeira, se pretende que alumnos de toda a xeografía galega acudan ao centro de Santa Uxía para perfeccionarse no manexo deste instrumento a través das ensinanzas dun mestre de recoñecido prestixio tanto no panorama nacional como internacional.
O mestre é neste caso Rodrigo Pérez Vila, nacido en Vigo e profesor de Saxofón e Música de Cámara no Conservatori Superior de Música de les Illes Baleares, quen cunha frecuencia dunha fin de semana ao mes dende setembro se trasladou a Ribeira para impartir as súas clases a un total de 18 alumnos. Estes rapaces, con idades comprendidas entre os 10 e os 18 anos, procedían xa non só do centro barbanzano, senón tamén doutros lugares como Valga, Ribadumia, Vila de Cruces, Pontevedra, Marín, Sanxenxo, Ferrol ou Ourense.
Rodrigo Pérez Vila presentou hoxe os concertos que se celebrarán a partir de mañá nun acto no que tamén interviñeron a concelleira de Educación de Ribeira, Juana Ermitas Crugeiras; o director do Conservatorio, Álvaro López; e o secretario do mesmo, José Fungueiriños.
Estes concertos terán lugar o venres ás 20.30 e o sábado ás 19.30 horas no salón de actos do Conservatorio Profesional (en ambos casos, os alumnos estarán acompañados polo pianista Pablo Diago), e o domingo ás 13.15 horas na Avenida do Malecón de Santa Uxía (xunto ao chamado “edificio da Caixa de Aforros”, lugar onde os rapaces ofrecerán un pequeno concerto de cuartetos e ensemble.
No acto de presentación a concelleira de Educación de Ribeira, Juana Ermitas Crugeiras Vidal, rememorou os cursiños e eventos que se veñen desenvolvendo nos últimos anos como unha formación complementaria á ensinanza regrada do Conservatorio que veñen sendo impartidos por mestres de gran prestixio no panorama nacional e internacional co propósito de ampliar a oferta educativa dos alumnos e atraer ademais a rapaces doutras escolas e conservatorios.
Tal é o caso da Aula Galega de Saxofón, pero tamén dos cursos de clarinete celebrados en 2006 e 2007, o curso de piano no 2007 (impartido por Ireneus Jagla, profesor do Conservatorio Superior das Illas Baleares), ou o curso de piano, música de cámara e composición que no presente ano ofreceu o cubano Andrés Alén Rodríguez, profesor da Escola de Música Creativa de Madrid.
Por outra parte, cómpre salientar tamén que varios dos alumnos que pasaron pola Auga Galega de Saxofón en anos anteriores están a proseguir unha carreira sobresaínte, como Xabier Casal Ares, actualmente estudante no Conservatorio Nacional de Salamanca gañador no 2009 do Certamen Nacional de Interpretación intercentros; Adrián Pais Abuín, estudante do Conservatori Superior de Música de les Illes Baleares; ou de Rocío Hermida Santiago, a primeira saxofonista galega en obter unha praza para continuar estudos no Conservatorio Nacional da Rexión de Burdeos, un dos máis prestixiosos de Europa.
O acto de presentación rematou cunha pequena actuación por parte de seis dos 18 integrantes da Aula.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario