17.9.10

Opinión: Jesús Casais Millán fálalle aos mozos logo de ver a un boirense nun programa de televisión

Escoita "Meu"

Non é de estrañar que a xuventude ande algo desnortada e busque refuxio no avatárico mundo de internet ou na cañeira en que se converteu a televisión. Se a LOXSE (Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo) conseguiu estragar o xa agonizante sistema de educación, a súa herdeira, a LOE (Lei Orgánica de Educación) veu darlle-la extrema unción, certificando así a morte, por inanición, da Cultura. Isto, sumado á carencia case absoluta de límites por parte dos pais de hoxe, os postmodernos da década dos 80 (os verdadeiros precursores do Carpe Diem e do consumo masivo de fármacos e psicotrópicos) vén dar como resultado unha xeración sen máis valores que os ditados polas series televisivas para adolescentes e as redes sociais de internet.

A día de hoxe, un adolescente estándar prefire entrar no “Gran Hermano” que nunha facultade. Por que? A resposta é máis sinxela do que poida parecer nun principio. O que non sae na “tele” non existe. E se o que sae na “tele” logo se colga en “You Tube” xa é a monda lironda, o cénit da popularidade.

Ti, colega, que naciches mentres derrubaban o muro vergoñento que separaba as dúas Alemañas, (si, colega si, antes habíache dúas) a ti me refiro, a ti para quen Telecinco e Antena 3 son canais “de toda a vida”. A ti que pasas de ideais, a ti che falo, se me escoitas con ese reaggeton tan abrouxante coma efémero co que esmigallas os miolos. Xa sei que non se debe xeneralizar por iso mesmo me refiro a ti, que nin traballas nin estudas, a ti que fagocitas ós teus pais escudándote na súa propia pasividade, a ti que fas do botellón unha forma de vida e pensas que o futuro queda demasiado lonxe coma para comezar a preocuparte hoxe. A ti, que gastas coche tunning subvencionado por un papá que dende que as súas eternas guedellas deron paso a unha crecente calvicie bascula en ti as súas ilusións, o mesmo papaíño que che sufraga as tatuaxes e os piercings que desexou con 18 anos, a ti, que non das pancada...
Quo vadis colega? Onde vas, co teu andar miudiño? Para facercho máis “suave”: Onde vas, triste de ti?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical