A Nosa Señora da Guía: análise dun plaxio
Na páxina web do Centro Arqueolóxico acaba de poñerse a disposición do público unha Guía Breve do complexo (encántame este concepto) arqueolóxico de Neixón en PDF, financiada con fondos públicos e realizada por Víctor Barbeito Pose. http://centroarqueoloxicodobarbanza.org/docs/guia%20arqueo%20baja_spn.pdf Até aquí todo ben; o portal do CAB pon na Rede este documento para acceso de todo o mundo e ninguén criticará o feito de que se faga unha guía dunha área arqueolóxica. Agora ben. Os problemas son os seguintes:
1. A suposta guía está mal redactada e mistura ás veces galego e castelán, xa que se trata dunha burda tradución de textos alleos, escritos orixinariamente en galego polo equipo do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón dirixido por quen isto escribe.
2. Esta guía é totalmente indixerible polo público xeral e non é axeitada para unha correcta divulgación. É certo que isto é unha opinión, pero o que é inadmisible son os seguintes puntos.
3. A recreación dos castros de Neixón das páxinas 36 e 37 non ten absolutamente nada que ver coa realidade arqueolóxica documentada até o momento. É mentira, como xa apuntamos no seu día en Arqueoneixón.
4. O texto é un refrito de paragrafos enteiros que se atopan reproducidos en capítulos dos nosos libros publicados en Toxosoutos e en revistas especializadas. Así por exemplo, os apartados secuencia construtiva e características formais (páxs. 42 e 46) plaxian textos da miña autoría (Xurxo Ayán); o mesmo acontece co apartado de restos materiais (páxs. 46-50), que plaxia un texto redactado orixinariamente por Rafel Rodríguez. Máis escandaloso se cabe é o apartado adicado ao Castro Pequeno (páxs. 53-4)no que se plaxian paragrafos publicados no presente blog dando conta da nosa escavación de 2008.
5. Por suposto non aparece unha soa cita da autoría destes textos, nin nos créditos da publicación nin na bibliografía, inexistente. Escandaloso.
6. Incluso míntese ao asegurar que as cabanas reconstruídas no interior do Castro Grande son de época baixorromana (páx. 46), hipótese desbotada xa en 2007 coas escavacións dese ano que amosaron claramente como esas choupanas son do século I d. C. Un exemplo máis do descoñecemento absoluto do avance das investigacións, das publicacións recentes e do estado da cuestión.
7. Todo o mundo coñece a animadversión de Víctor Barbeito cara ao noso equipo de traballo, prexuízo que lle leva a obviar o noso traballo en Neixón. Esta actitude demencial lévao a non coller unha soa fotografía nin debuxo deste blog para ilustrar a guía, escaneando fotos en papel de intervencións de limpeza en Neixón de mediados dos anos 90 que non fornecen nada á comprensión da área arqueolóxica por público non especializado. Asemade, Víctor Barbeito fala de recentes intervencións como se fosen feitas por extraterrestres anónimos ou milagreiramente pola Nosa Señora da Guía.
8. O realmente gracioso é que o arqueólogo do CAB, malia non dar validez á nosa investigación, plaxia a mesma para redactar o 100 % da guía breve do complexo arqueolóxico de Neixón. Todo un paradoxo e unha evidencia máis da súa incompetencia.
A consecuencia de todo isto é a mesma de sempre: até cando se van dilapidar fondos públicos en actuacións enganosas carentes de calquer tipo de ética? até cando os cidadáns deben aturar este despropósito favorecido polo Concello de Boiro?
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario