4.10.10

Lousame: o comité de empresa alerta de risco de peche da planta de tratamento de residuos sólidos urbanos, por impagos dos concellos

Emprazan aos 9 alcaldes da mancomunidade a que manifesten publicamente o seu compromiso coa viabilidade da planta. Representantes do Comité de Empresa de Lousame da CIG, CCOO e UGT compareceron en rolda de prensa para alertar do perigo de peche que se cerne sobre a pranta de tratamento de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) dada a grave situación económica na que se atopa; para emprazar aos alcaldes dos 9 concellos da mancomunidade do Barbanza a que manifesten publicamente o compromiso coa súa viabilidade e para anunciar a inminente convocatoria de mobilizacións. Tras da rolda de prensa, os representantes do Comité de Empresa e das tres organizacións sindicais tiñan previsto, ademais, manter unha xuntanza coa organización ecoloxista ADEGA.


10-10-04 RP pranta de reciclaxe de Lousame

De esquerda a dereita: Mariví Fabeiro, presidenta do Comité de Empresa, da CIG; Paulo Rubido, secretario nacional de CIG-Servizos; Eduardo Brión, asesor de CCOO; David Barrio, asesor de UGT e Mercedes Cambeiro, delegada de UGT.

O pasado 29 de xullo Fomento de Construcións e Contratas, FCC, empresa que xestiona desde o seu inicio a pranta de tratamento de RSU de Lousame presentaba a solicitude de resolución do contrato actualmente en vigor por impago da Mancomunidade. A débeda recoñecida por impago do cánon mensual ascende na actualidade aproximadamente a 2.700.000 €, sendo os concellos máis endebedados os de Ames, Carnota e Noia, aínda que hai concellos que están ao día no pago.

Os representantes do Comité de Empresa explican que o financiamento da pranta, a diferencia dos contratos “típicos” de concesionario público, poderíase entender como semipúblico con respecto aos ingresos, xa que se factura en torno dun 60% á Mancomunidade e un 40% a recuperadores (ECOEMBES, ECOVIDRIO, etc.). O 40% que se factura aos recuperadores depende do mercado e dos convenios autonómicos (de feito, o máis importante deles, o de ECOEMBES, estase a negociar entre dito organismo e a Xunta; ECOEMBES intenta levalo á baixa).

Tal e como explicaron, a situación empeora cando se ten coñecemento de que o recuperador ECOEMBES (unha sociedade sen ánimo de lucro constituida por fabricantes de envases que pagan un canon anual destinado á recuperación dos envases que producen) decide unilateralmente non recoller un 70% do film (envase lixeiro) recuperado na planta argumentando que esta é a porcentaxe de film non aderida ao seu sistema. “Esta decisión supón un grave problema para a viabilidade da planta, xa que se financia nun 40% através dos recuperadores, e deste xeito perde uns 650.000 € anuais, e ao mesmo tempo xera un problema medioambiental ao acumularse este material na planta sen saída” afirman.

Igualmente e “para complicar máis a situación”, lembran que aínda está sen resolver definitivamente o conflito existente co polvorín situado nas inmediacións da planta que por sentenza do TSXG obriga ao derrube da mesma. “Todo este conxunto de situacións, derivadas da atitude irresponsable das diferentes administracións poñen, desgrazadamente, en perigo o futuro e a viabilidade da Planta de Lousame”, sinalan.

Desde o Comité de Empresa din que os concellos pertencentes á Mancomunidade deben aclarar a sua aposta polo modelo de xestión de RSU do Barbanza, e aqueles que teñen grandes débedas contraidas deben explicar como é que lle cobran aos seus viciños e viciñas unha taxa directa pola recollida do lixo e logo non adican este diñeiro a pagar o servizo. Igualmente deben comprometerse a pagar as cantidades adebedadas neste momento.

Alén diso, consideran que a Xunta, através da Conselleria de Facenda, debe implicarse en garantir que a aquel concello que non pague se lle retirarán as cantidades adebedadas á Mancomunidade para facer fronte aos pagos.

Ademais, afirman que non é comprensible que por parte da Conselleria de Medio Ambiente non se solvente o problema con ECOEMBES cando se negocia o Convénio Marco, e debe velar pola viabilidade do modelo de tratamento de RSU do Barbanza, sobre todo cando é o que mellor funciona no noso país.

Por iso, fixeron un chamamento para que cada administración asuma as súas responsabilidades, para evitar a desaparición dun sistema de tratamento de RSU excelente, e ao mesmo tempo garanta a continuidade de 150 postos de traballo directos. Igualmente, entendemos que empresas como FCC deben ter un maior control por parte da administración, para evitar que en situacións como estas a empresa intente unicamente obter o maior beneficio económico posible.

Mancomunidade do Barbanza

A Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza está integrada polos concellos de Pontecesures, Ames, Lousame, Brión, Noia, Muros, Porto do Son, Carnota e Rois, cunha poboación global de 85000 habitantes. En 2003 decidiu establecer un sistema de recollida e tratamento dos Residuos Sólidos Urbanos destes concellos, de xeito autónomo e diferenciado. O lixo recollido é tratado na Planta de Servia (concello de Lousame), cun sistema de tratamento húmido-seco, con separación de catro fraccións de residuos : fracción inorgánica (inclue os envases), fracción orgánica (para a elaboración de compost), papel-cartón e vidro.

Desde ese ano, a planta de Lousame funciona con total normalidade, acadando uns excelentes resultados como modelo de xestión de RSU, e cuns niveis de reciclaxe que a sitúan á cabeza do estado español como a mellor planta de reciclaxe. A propia Xunta recoñece o éxito do proxecto do Barbanza, coa planta de reciclaxe e compostaxe de Lousame, que acada unha valorización material total (VTM) do 66,2%, fronte ao 34,1% de Nostián e ao 8,1% de SOGAMA.

Igualmente, o modelo de Lousame sigue todos os criterios medioambientais establecidos na Unión Europea, fronte a enorme problemática que representa o modelo de SOGAMA.

Vía http://www.galizacig.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical