18.11.10

A Pobra: o Psoe anima a participar na manifestación deste domingo 21 a prol da sanidade pública


A Pobra do Caramiñal, 18 de novembro de 2010. O Partido Socialista local anima a todos os pobrenses e barbanzanos a acudir á manifestación a prol da Sanidade Pública que terá lugar este domingo 21 de novembro en Santiago de Compostela. Segundo a agrupación socialista local, "os continuos recortes e o camiño á privatización á que nos conduce este goberno son unha boa razón para acudir este domingo a esta mobilización pola defensa da sanidade pública".

A nota íntegra:

"Todos somos coñecedores, e tamén sufridores, dende a chegada do PP ó Goberno da Xunta que a súa política caracterizouse por un ataque sistemático ós servizos públicos da nosa comunidade. 
 
En sanidade non só se recortaron por primeira vez os orzamentos senón que se pecharon os quirófanos pola tarde, se incrementou a lista de espera, recortouse persoal dos centros, volveron os contratos vasoira, e para rematar están a hipotecar o futuro da sanidade pública galega ca privatización da construción e xestión dos hospitais de Vigo e Pontevedra, así como dos novos centros de Saúde.  

Consideramos un fracaso a política da Consellería de Sanidade que fai que mes a mes sexan máis os galegos que esperan por unha intervención e unha consulta. Tras un ano a lista de espera incrementouse mais significativamente nas especialidades que teñen mais patoloxías malignas e de gravidade, tales como as especialidades de neurociruxía, ciruxía maxilo facial, xinecoloxía. E non se mellorou nada en ciruxía cardíaca nin en cirurxía xeral. 

Maquillaxe de datos

Por outra banda a Consellería maquillou os datos  incrementando a lista de espera non estructural, a que non se publica, polo que cada mes máis pacientes están na lista de espera non estructural. 

Os pacientes que son derivados ós centros concertados son retirados da lista de espera o mesmo día que aceptan a súa intervención aínda que tarden 2-5 meses en ser intervidos neses centros. Esta é outras fórmulas estadísticas son as que están a manexar dende a Consellería para maquillar os resultados na xestión das listas de espera. 

En estes momentos mais de 120.000 galegos están esperando por unha proba diagnóstica sen que o Goberno do Sr. Feijoo faga nada para solucionar este problema. Mais de 92.000 están recoñecidos na páxina Web oficial da Consellería e son moitos os centros e axendas de probas que están pechadas. Isto o poden comprobar día a día centos de galegos e galegas que se acercan os mostradores dos centros hospitalarios con unha solicitude de proba diagnóstica e obteñen como única resposta que entregan a solicitude e que xa se lles avisará por teléfono sobre o día o lugar e a hora na que esa proba será realizada, salvo os pacientes neoplásicos coñecidos que se lles da cita directa no mostrador.

As consecuencias desta política sanitaria afecta de xeito importante a: 

  • Abandono do Plan de Saúde Mental, do Plan de Drogodependencias e da atención sociosanitaria.
  • Anuncio do peche dos servicios de radioloxía de urxencias nos hospitais comarcais para concentralos nun so centro, apartando aos pacientes dos especialistas, limitando a realización de ecografías e substituíndoas por TACs, máis caros e que someten a radiación innecesaria ao paciente, así como a imposibilidade da realización de radioloxía intervencionista.
  • Déficit de persoal especializado en xinecoloxía no hospital do Barbanza, polo que a falta de xinecólogos esperamos que non teña consecuencias dramáticas para as mulleres.
  • Están a recorrer a colaboración público - privada para a construción de novos centros de saúde o que lle proporcionará unha importante baza electoral de cara ás próximas eleccións pero os sobrecustes van pagalos as futuras xeracións.
  • Tanto deterioro proporcionaralle a xustificación para introducir o copago, acabar coa universalidade da oferta sanitaria pública e privatizar boa parte do sistema.

Por todo iso recomendamos asistir á MANIFESTACIÓN contra a privatización e a defensa da sanidade pública do próximo domingo día 21, as 12 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical