17.1.11

A Pobra: o Psoe, indignado polo uso da web oficial do Concello como ferramenta política do PP


A Pobra do Caramiñal, 17 de xaneiro de 2011. A páxina web oficial da Pobra, que foi estreada o pasado 14 de xaneiro, xa está a recibir as súas primeiras críticas. A que se fixo pública máis axiña foi a do Psoe, que no seu Facebook denunciou ao día seguinte da estrea, como explicamos aquí, a utilización partidista que está a facer o PP, en concreto na persoa do seu alcalde, dunha web que debería ser institucional e non a web do partido gobernante. A nota íntegra da agrupación socialista da Pobra:

"Dende a Agrupación Socialista da Pobra queremos denunciar e mostrar publicamente a nosa repulsa á utilización da páxina web oficial do Concello da Pobra do Caramiñal coma ferramenta política por parte do goberno local do PP, encabezado polo alcalde D. Isaac Maceiras Rivas.
 
Con data 25 de xuño, mediante moción para o Pleno, solicitabamos a elaboración dunha páxina web que permitira que o noso concello  saíra do atraso no que está inmerso dende o punto de vista tecnolóxico, xa que a Pobra do Caramiñal era o único Concello da Provincia de A Coruña que non tiña páxina web. Dos 315 concellos que hai en Galicia non contaban con páxina web un total de 18, destes 18 ningún deles estaba na provincia de A Coruña, agás a Pobra.

O PP rechazou a moción no Pleno argumentando que en setembro xa presentaban a páxina. Unha vez máis se aproveitan e usurpan as iniciativas da oposición, tratando de infravalorar o traballo dos socialistas.

O pasado venres, día 14 de xaneiro, o Concello da Pobra do Caramiñal abriu as súas portas á Internet coa inauguración da súa páxina oficial. Sen embargo, a data de apertura da páxina institucional do Concello aos pobrenses e ao mundo non resultou un obstáculo para que o goberno do PP, que esgota mandato, introducise contidos de carácter político e dubidosa ética, datados a 30 de decembro do ano que deixamos atrás; quince días antes da apertura da páxina web oficial do Concello da Pobra, ésta xa estaba politizada e xa non estaba dedicada plenamente ao servizo público e aos intereses municipais, senón ao servizo dos intereses persoais e políticos do alcalde Isaac Maceiras e do Partido Popular.
 
Na portada da recén estreada páxina web institucional, pode verse a día de hoxe unha publicación que non se pode cualificar de outra cousa que de artigo de opinión política titulado “Aclaracións ás declaracións do BNG”, dedicada a criticar á acción política, en contraposición a actividades supostamente realizadas polo “Goberno Municipal do PP” nun xogo de acusacións e chauvinismo indigno dende un plano xa non só ético e político, senón tamén institucional, porque se están a empregar tanto a imaxe corporativa do Concello da Pobra do Caramiñal coma os recursos públicos destinados para o sostemento da páxina web municipal, que se patrimonializan polo grupo de goberno para a difusión das opinións e ataques do PP aos partidos da oposición.
 
Dende a Agrupación Socialista da Pobra consideramos que unha páxina web oficial está concibida coma unha ferramenta administrativa e publicitaria ao servizo dos fins institucionais do Concello, que debe operar dende a obxectividade coma un servizo aos cidadáns e non aos intereses particulares, e que dende a óptica política debe garantir a neutralidade institucional e responder á pluralidade existente na sociedade pobrense representada no Pleno, polo que de contemplarse espazos para os partidos políticos na páxina oficial do Concello, estes deberan articularse no plano da igualdade e do respecto mutuo esixible en todos os campos da acción social e política".


 A noticia á que se refiren os socialistas na web oficial pobrense pode lerse aquí

Unha nova que Certo publicara aquí deixando claro que eran declaracións políticas do Partido Popular.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical