Dodro, 20 de febreiro de 2011. O Partido Popular de Dodro emitiu unha nota de prensa na que se critica ao actual equipo de goberno por non corrixir as deficiencias do que ía ser Centro de Artes Escénicas e que debería ter sido inaugurado en xullo do ano pasado. Nota íntegra:"Segundo os informes da APLU o Centro de Artes Escénicas incumpre, entre outros moitos preceptos, o regulamento de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas, polo que non se podería conceder licenza para a súa apertura, o que provocaría a inutilidade do local e o conseguinte prexuízo para os veciños de Dodro. Resulta sorprendente que despois de denunciar as máis que posibles ilegalidades desta obra en catro plenos distintos, o goberno PSOE-BNG non se tivera molestado o máis mínimo en tratar de corrixir algunha delas, e en cambio, intentase lanzar un reto ó Partido Popular con fin de atemorizalo e que non denunciase esta escandalosa ilegalidade que avergonza ó noso Concello. Como se pode pretender que os veciños se axusten á legalidade cando é o goberno o primeiro que incumpre as regras que el mesmo establece? Os veciños non poden e o Concello si? Non é xusto! Unha vez descubertos os feitos, resulta evidente a razón pola que a arquitecta municipal que vén informando todas as obras nos últimos anos non fixo o informe técnico, recurrindo ex profeso o goberno PSOE-BNG a un aparellador, implicado en obras de particulares con expedientes urbanísticos abertos. Por outra banda, resulta sumamente esclarecedor que a secretaria titular do Concello de Dodro non fora a encargada de facer o informe xurídico necesario para a obra do Centro de Artes Escénicas, e “casualmente” se lle abrira un expediente disciplinario co fin de despedila, o que poría de manifesto o “axuste de contas” que tanto a Sra. Victoria Rey Mariño como o Sr. Arturo Díaz pretenden levar a cabo despedíndoa. Vista obxectivamente, a manobra política deseñada pola Sra. Victoria Rey é autenticamente maquiavélica. Se a APLU non interviñese, ela sacaría rédito político como promotora da obra, namentres que en caso de non saír adiante, tal e como é o caso, non tería que afrontar ningún tipo de responsabilidade pois non formou parte do tribunal de selección. Deste xeito, e tras a dimisión de Anxo Franco, os máis afectados serían Arturo Díaz e o responsable de Urbanismo e Obras José Luis Fernández Reboiras, e quenes terían que facer fronte ante posibles responsabilidades. Desta forma, á Sra. Victoria Rey quedaríalle o camiño libre para encabezar a coalición BNG-PSOE".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario