Noia, 28 de febreiro de 2011. O Bng de Noia emitiu unha nota de prensa na que informa que no Pleno celebrado en novembro do pasado ano aprobouse una moción promovida polo Grupo Municipal desta formación "que versaba sobre a necesidade da mellora das infraestructuras viarias, lembrando naquel entón que Noia ten pendente unha solución que contemple na súa globalidade o remedio aos problemas de tráfico na vila e un plan de infraestructuras comarcais, buscando a solución máis acaída para a comunicación desta e da súa comarca co conxunto do país, e nomeadamente coa ría de Arousa e por extensión co sur de Galicia".
Os nacionalistas explican que "no acordo plenario en cuestión facíase una mención expresa ao Plan MOVE, solicitando a modificación de determinados aspectos do mesmo, como por exemplo a comunicación con Boiro que se contemplaba mediante a mellora da actual estrada provincial prevista para o ano 2017, e que nós coidamos debía facerse a través dunha estrada de nova construción que avanzaría ao longo do Confurco. Tamén dentro do mesmo Plan, concretamente no programa de seguridade viaria, era onde engadíamos a necesidade de construción dunha rotonda á altura do cruce de A Barquiña, xa necesaria naquel entón, e hoxe coa posta en servizo da nova estrada a Santiago de Compostela, e o acceso e desembocadura da mesma no lugar de Orro, maniféstase máis necesaria que nunca. Hai que lembrar que son case 600 veciños os habitantes do lugar de A Barquiña e a estos hai que engadirlle o tráfico ocasionado polos clientes que acuden a un coñecido centro comercial existente no lugar dos Carballiños-Carracido".
Polos motivos expostos, demandan da Consellería que atenda o acordo do Pleno Ordinario do Concello celebrado o 26 de novembro do pasado ano, e proceda á construción da rotonda que regule o fluxo de tráfico no Cruce de A Barquiña.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario