24.2.11

Noia: a primeira fase da rede de colectores suporá unha inversión de 4,5 millóns de euros

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión de hoxe o acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Noia e polo que se autoriza o gasto para a execución da primeira fase da rede de colectores xerais en Noia

Noia, 24 de febreiro de 2011. A finalidade deste proxecto é mellorar as condicións de funcionamento da rede de saneamento de Noia. Lograrase así o saneamento e depuración das verteduras, evitándoas á ría de Noia. O proxecto recolle a execución dun colector interceptor xeral que permita derivar todas as augas fecais á estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Noia. Tamén se proxecta a implantación dunha primeira fase de rede de colectores de augas pluviais que posibilite a evolución cara unha rede de saneamento separativa.

As infraestruturas previstas son un colector interceptor norte dividido en dous tramos, cun total de 423 metros e a reparación dunha bomba existente, un colector interceptor sur dividido en 11 treitos cunha lonxitude de 2.636 metros, a execución de dúas bombas de nova planta e a construción de catro bombas novas sobre outros existentes.

Os traballos desta primeira fase centraranse na reconstrución do colector interceptor xeral de forma completa, tanto as conducións, como o sistema e bombeos e alivios, de forma que deriven as augas en tempo seco cara á EDAR municipal. Para iso actúase sobre todos os tramos do colector interceptor, a excepción do tramo máis próximo á EDAR, situado na marxe sur do interceptor, entre a última bomba e a depuradora, tramo que se mantén nas súas actuais características.

Co obxecto de minimizar o bombeo das augas do sistema de saneamento en tempo seco, débese reducir a contaminación de augas limpas que se produce sobre a devandita rede unitaria nese tempo seco. Detectáronse tres zonas de achega en tempo seco importantes, unha localizada sobre a zona do Estado de San Lázaro, outra no barrio de Labarta e outra na zona da Horta da Zapateira.

Na primeira e última zona constrúense colectores interceptores de pluviais, que posibilitan a recondución de augas pluviais que proceden de dous regatos que se atopan agora mesmo canalizadas sobre a rede xeral unitaria.

Na zona do barrio de Labarta a achega de augas limpas en tempo seco ten unha orixe indeterminada, xa que non se pode identificar unha achega concreta, debido á magnitude da rede secundaria que acomete sobre a zona, e ao seu grao de urbanización. É precisa a construción dunha rede interceptora de pluviais extensa, que se estende ata o barrio de vista Alegre. O dito colector funcionará no futuro como parte estruturante de toda a rede de pluviais nun esquema separativo e, na rede actual, como alivio co obxecto de derivar a punta de augas menos contaminadas e que non entre sobre a rede interceptora unitaria. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas considera que a poboación conectada á rede será de 23.061 habitantes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical