11.2.11

A Pobra: contratarán a varios desempregados con cargo á Consellería de Traballo

A Pobra do Caramiñal, 11 de febreiro de 2011. O Concello informou hoxe en rolda de prensa que, ao abeiro da convocatoria da Consellería de Traballo e Benestar para o fomento de emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais, solicitouse unha subvención para a contratación de desempregados.

     Dita solicitude inclúe varios programas a través dos cales cubriranse parte dos traballos que se levan a cabo, sobre todo, na tempada estival en diferentes áreas e que serían os seguintes:

    Socorristas: Programa de salvamento e socorrismo: contratación de 20 socorristas para cubrir tres praias. Subvención solicitada: 114.865,80 €.
Limpadores de praias: 10 peóns para a limpeza e mantemento das praias. Subvención solicitada: 44.967,90 €
Difusión cultural e turística: Un encargado do Museo Valle-Inclán: contratación de 1 encargado de museo. Subvención solicitada: 17.145,45 €
Actualización, iniciación e fomento da lectura na Biblioteca Municipal Victoriano García Martí: contratación de un empregado administrativo de biblioteca. Subvención solicitada: 11.430,31 €
Un guía local de turismo. Subvención solicitada: 5. 715,15 €.
Vivenda e urbanismo: Un arquitecto técnico/aparellador. Subvención solicitada: 22.558,86 €

     O total do solicitado, 216.683,46 euros, e os períodos de contratación para os programas de salvamento e socorrismo, limpeza de praias e desenvolvemento turístico serían de 3 meses. Para o programa da Biblioteca, seis meses e para o do Museo e Urbanismo 9 meses, todos eles a tempo completo.

     O Centro de Atención ao Discapacitado (CAD) solicitou a contratación de persoal para levar a cabo as diferentes actividades de formación para rapaces e rapazas que se veñen desenvolvendo no centro. Este programa incluiría un proxecto de Formación para a integración de rapaces/as con discapacidade do Centro Integral de Atención á Discapacidade, coa contratación de 3 monitores/as dos Obradoiros Ocupacionais, 1 animador/a sociocultural e 1 ordenanza. Subvención solicitada: 47.044,68 €. Neste caso o período solicitado de contratación é de 12 meses para todas as contratacións, coa característica de ser contratos a tempo parcial.

 Se se suman os dous programas, o orzamento total para estas contratacións ascende aos 263.728,14 euros.

Policía local: á agarda

     Por outra banda, o concello tamén está a espera da convocatoria que a Consellería de Presidencia está a piques de publicar para a contratación de auxiliares de policía local como reforzo tamén para a tempada estival e que este concello, como xa é habitual, solicitará en canto se abra o prazo de solicitudes. Lembran que o ano pasado, a través desta convocatoria, contratáronse 6 auxiliares de policía local cunha duración de tres ou catro meses.

     "Estes programas, xa interesantes de por si, aínda o son máis nestes intres nos que o paro converteuse nunha lousa para moitos fogares, e que poden servir para que ao menos temporalmente nalgúns deles entre un pouco de aire fresco para as súas economías. Desde o concello, e dentro das súa posibilidades, séguese a traballar para mitigar este problema, e proba diso, ademais desta solicitudes de subvención o temos no feito da futura ampliación do Polígono Industrial da Tomada, cuxo proxecto en breve estará a exposición pública", explicaron representantes do equipo de goberno.

Varandas para o Crocha

     A primeiros de xaneiro comezaron os traballos para cambiar todas as varandas de madeira na Crocha de Poñente dado o estado deteriorado e lamentable que presentaban, mesmo con perigo para os veciños da zona. Encargáronse 100 metros lineais de tubaxe galvanizada de 50 milímetros de sección par cubrir todo o acceso e cambialos polos de madeiras existentes.

     "Onte comezouse a obra e, que casualidade!, como sempre o BNG desprazouse ao lugar dicindo que habería que arranxar as varandas. En fin, xa nos teñen acostumbrados a pedir obras que se van facer ou que se están a facer. O máis importante, por riba de todo, é que a obra estase levando a cabo e que os veciños quedarán satisfeitos", concluíron dende o Concello.

Relacionada:
Biblioteca: denuncian o desleixo e discriminación do libro galego

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical