28.2.11

Rianxo: o alcaldable nacionalista reuniuse coa Directiva do CD Unión de Asados


Campo de fútbol de Vilas. Tomada de http://fotosderianxo.wordpress.com

Rianxo, 28 de febreiro de 2011. Adolfo Muíños, candidato á alcaldía polo Bng en Rianxo,  xuntouse o pasado xoves coa directiva do Club Deportivo Unión, acompañado de Ramón Vicente - Nero- membro da dirección local e ex-xogador do equipo de Asados. Forma parte este encontro da andaina que está a levar o candidato do BNG á alcaldía rianxeira polos colectivos rianxeiros para coñecer de primeira man a problemática e demandas dos clubs e asociacións con vistas ao programa electoral do Bloque Nacionalista Galego.

Da directiva do Unión coñeceu da boa marcha do equipo de primeira autonómica que o fará loitar polo ascenso de categoría e, sobre todo, do traballo colectivo que hoxe fai que se achegue aos 150 rapaces nas diferentes idades, todo un traballo de canteira feito con dedicación persoal e desinteresada de moitas persoas polo amor ao fútbol. Como diante doutros colectivos avogouse polo mantemento do convenio coa Deputación da Coruña para a permanencia dos monitores que permiten o mantemento dos adestradores que promoven unha formación de calidade para o traballo técnico e físico cos rapaces e rapazas rianxeiras.

Recuperar o Trofeo de fútbol "Concello de Rianxo"

Adolfo Muíños plantexou tamén buscar alternativas para a recuperación do trofeo de fútbol  "Concello de Rianxo" que enfrontaba ao Taragoña co Unión de Asados e que por diversas vicisitudes non se está a desenvolver nestes dous últimos anos. Unha cita en todo caso moi importante para ambos clubes e que debe recuperarse no calendario deportivo abrindo o verán e a tempada futbolística.

O candidato do BNG abordou tamén cuestións como a necesidade de crear a figura dun encargado específico de mantemento e conserxería das instalacións deportivas da Lomba e de Vilas, que puidera realizar pequenas actuacións e reparacións, ademais de reforzar un servizo de limpeza que se antolla debe ser diario pois todos os días hai adestramentos e competicións.

Por último, Adolfo Muíños trasladou aos directivos a vontade de crear un órgano de participación entre os clubs deportivos, técnicos municipais e corporación. Un Padroado Municipal do Deporte ou Fundación que dirixa a actividade deportiva municipal, xestione as instalacións, posibilite a entrada de patrocinadores privados e cree sinerxias entre as diferentes especialidades deportivas. É unha realidade en moitos concellos e abre vías para a participación e o diálogo fluído entre administración e colectivos sociais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical