14.4.11

A Pobra do Caramiñal: a piques de rematar a segunda fase do saneamento da Ribeiriña-Conchido

Media_httpfarm5static_szlge

A Pobra, 14 de abril de 2011. Unha vez posta en funcionamento a I Fase do Saneamento da Ribeiriña-Conchido por un importe de preto de 800.000 euros e xa a piques de rematar a II Fase por un importe de 676.312,93 €, entre as dúas obras suman máis de 1.500.000 euros, segundo explicou hoxe en nota de prensa o equipo de goberno do Concello.

As obras do proxecto de saneamento da Ribeiriña na fase II, que leva a cabo a empresa Ferorsa de Ferrol, están a piques de rematar. O Concello da Pobra do Caramiñal di sentirse "moi satisfeito de que a Xunta de Galicia, e máis concretamente a Consellería de Medio Ambiente- Augas de Galicia, levara  a cabo este proxecto, que contou cun orzamento de 676.312,93 euros".

O obxecto deste foi a definición das actuacións necesarias para a dotación de servizos nos núcleos da Ribeiriña e Conchido que incluíse a construción da rede xeral de colectores. Pretendeuse completar o saneamento do núcleo da Ribeiriña, recollendo tamén as augas fecais do Conchido, para xuntalas coas recollidas na primeira fase xa executada e, posteriormente, levalas á rede municipal de colectores existente. Trátase dunha rede de conducións por gravidade, na que foi necesaria a construción dunha estación de bombeo co seu respectivo tramo de impulsión que levase as augas residuais ata a rede existente.

As obras de saneamento consistiron principalmente na recollida de augas residuais, pero de xeito separativo para fecais e pluviais, para transportalas mediante colectores e impulsión ata o colector construído na primeira fase. As tubarias de impulsión realizáronse en PEAD PN-10 de 90 mm de diámetro, a rede de saneamento en PVC SM-8 corrugado de 315 mm e 2.109 metros de lonxitude e os colectores de recollida de pluviais tamén en PVC SN-8 corrugado de 315 mm e 807 metros de longo.

O pozo de bombeo executouse en formigón armado de 2,4x5 metros de planta e cunha profundidade de 3,25 metros. Incluíu cámara de chaves, aliviadoiro e cestón de grosos. A vertedura do mesmo realizarase mediante tubaria de PVC de 315 mm. Todas as instalación van soterradas en zanxa, con recheo de material procedente da escavación, repoñendo o pavimento que resultou afectado ou demolido na execución das obras. "Con esta obra dámoslle un pulo importante ás nosas infraestruturas achegándonos á consecución do saneamento integral no noso concello e por riba de todo na zona da Ribeiriña e do Conchido, beneficiando aos seus veciños e que era un dos obxectivos fixados por este Equipo de Goberno e considerado como esencial xa que incide no benestar e na mellora da calidade de vida de todos nós", concluíu o equipo de Goberno.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical