26.4.11

A Pobra: o equipo de goberno di que as obras do paseo do río Morto están "moi avanzadas"

Ante a posibilidade de que esta nota incumpra a actual -e confusa e
inconsistente- lei electoral (que prohíbe fachendear dos logros
acadados, disque), en Certo publicámola en bruto, tal e como nos
chegou:

"As obras do proxecto de construción do Paseo fluvial do Río Morto,
que están a levar a cabo as empresas da UTE RÍO MORTO, van a bo ritmo
e están moi avanzadas.

Lembremos que a necesidade esencial desta obra é rematar coa
problemática existente na zona principalmente nas épocas de choiva que
producen nalgúns caso inundacións en parcelas, camiños e, en
determinados momentos, mesmo da propia estrada AC-305, causando
prexuízos aos veciños da zona. Tamén sinalar o seu interese
medioambiental xa que, ademais da importancia do seu propio contorno,
a súa conca nutre aos humidais das Xunqueiras.

O proxecto contempla a construción dunha vía de case 450 metros
de longo por 16 metros de largo na que se integra un paseo fluvial nun
tramo de 200 metros, diferenciando claramente as zonas de tránsito
rodado do peonil, recuperando as marxes do río. O leito do río drágase
e mellórase no trazado do canle con muro de cachotería tradicional con
varandas de protección en aceiro inoxidable, pontes de madeira, paseo
con lousas de granito e farolas no paseo e a todo o longo da estrada
de circunvalación.

Por outra parte, esta urbanización busca a humanización do camiño
mediante a plantación de árbores e céspede, instalación de farois e a
colocación de bancos e papeleiras ao longo do trazado.

Este primeiro tramo da estrada de circunvalación dará moita
fluidez ao tráfico rodado da zona, e irá construída con asfaltado en
quente de 8 cm de espesor, novos tubos de saneamento con separativa
para pluviais e fecais.

A actuación afecta a unha superficie total de 8.895 m2 e o seu
orzamento elevouse a 1.252.220 €, sendo subvencionado integramente
pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, á
que lle queremos agradecer a consecución de dito proxecto e, por
suposto, non podemos esquecernos dos veciños que nos deron todas as
facilidades para poder levar a bo fin esta gran obra e que desde aquí,
e en nome de todos os veciños da Pobra, queremos darlle as grazas
porque coa súa xenerosidade poderemos gozar desta importante
infraestrutura".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical