Este mércores, día 6 de abril de 2011, o Concello da Pobra do Caramiñal foi obxeto dun acto institucional de recoñecemento á súa labor de dinamización sociocultural e turística. Ás 13:00 horas tiña lugar a recepción de autoridades presidida polo alcalde D. Isaac Maceiras Rivas, quen estivo acompañado polo tenente alcalde, D. Ricardo Lago Suárez, a concelleira de Cultura e Turismo, Dª. Encarnación González Montemuiño, a concelleira de Servizos Sociais, Dª. Balvina Lojo Olveira, e o director do Museo Valle-Inclán, D. Antonio González Millán. Recibiron ao Sr. Director Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, da Xunta de Galicia, D. Francisco López Rodríguez, e á, Subsecretaria de Cultura, do Ministerio de Cultura del Gobierno de la Ciudad Autónoma de Buenos Aires, Prof. Dª. Josefina Delgado, interesados en cursar unha visita oficial ás instalación do Museo Valle-Inclán e da Biblioteca Municipal Victoriano García Martí, e en establecer proxectos de cooperación de extensión cultural. As verbas do Alcalde do Concello puxeron un especial énfase en lembrar os vínculos humanos e históricos dos galegos co país da Prata, trasladándolle á Subsecretaria de Cultura do Goberno Autónomo de Buenos Aires un saúdo de cordialidade e agarimo ós veciños con raíces nesta localidade que, por diversas razóns, tiveron a necesidade de emigrar á “Quinta Provincia” de Galicia, sen esquecer que Arxentina foi unha nación acolledora para os galegos en tempos de crise neste país, polo que Galicia ten contraída unha débeda humana recíproca cos arxentinos e cos descendentes de galegos que non pasan polo seu mellor momento. D. Ramón del Valle-Inclán, un dos motivos desta visita institucional, foi posto como modelo de galego que, xunto coa súa muller, Josefina Blanco, viaxou en 1910 e 1921 á entón puxante República Arxentina. De mans do Director do Museo, recibíu a subdelegada arxentina unha reproducción fotográfica procedente do arquivo da familia Valle-Inclán, na que se ilustra un paseo de D. Ramón polos bonaerenses “Jardines de Palermo” en xullo de 1910. Pola súa banda, o Director Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos da Xunta de Galicia, D. Francisco López Rodríguez, manifestou ós presentes a vontade de acadar a máxima colaboración co Museo Valle-Inclán e o Concello da Pobra de cara ás actividades que desde o seu departamento se queiran impulsar co fin conmemorar a efeméride do 75 Aniversario do pasamento de D. Ramón en Galicia (1866-1936), amosándose satisfeito polo peche dalgúns acordos xa concertados como son a edición dun cómic ilustrado por distintos profesionais que divulgue un “anecdotario” de Valle-Inclán para o público xuvenil; a edición dunha publicación que analiza a Torre de Bermúdez como monumento nacional e como sé dun Museo Literario que cumpre 30 anos da súa creación; a participación da Pobra nun Congreso Internacional no que están a cooperar a Cátedra Valle-Inclán da USC e a Xunta de Galicia; a proposta trasladada a Correos de Galicia de emitir un selo conmemorativo dedicado a Valle-Inclán; ou a viabilidade de comisariar desde o Museo Valle-Inclán da Pobra unha exposición centrada no teatro valleinclaniano, que se pretendería itinerante, tras dunha primeira inauguración na Cidade da Cultura para, probablemente, ser trasladada logo á Arxentina. A Prof. Dª. Josefina Delgado, Subsecretaria de Cultura, do Ministerio de Cultura. Gobierno de la Ciudad Autónoma de Buenos Aires, explicou que o motivo da súa visita aquí estaba no interese que esperta no seu país a figura do escritor D. Ramón del Valle-Inclán, a quen, polas súas dedicacións profesionais, se sente especialmente vinculada: traballou no Centro de Documentación Nacional de Buenos Aires. Compartindo co Alcalde da Pobra do Caramiñal a alta representatividade dos naturais de Galicia na Arxentina, fixo votos de futuras colaboracións entre os dous paises e agradeceu moi especialmente os testemuños que se lle amosaron do autor das Sonatas respecto da Arxentina, que conserva o Museo. Continuaron logo cunha visita á Biblioteca Municipal.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario