Noia, 19 de maio de 2011. Este xoves 19 de maio ás 20:30 h. terá lugar en Baleiro a festa de presentación do proxecto Compostela: camiños de desexo, de Ismael Teira, coa apertura dunha instalación no propio local e na que presentarán o libro de artista que se repartirá, de balde, entre os asistentes. A edición está acompañada de textos de Victor E. Pérez Viqueira, Daniel López Abel e Íñigo Mouzo Riobó.
O proxecto, premiado en Creación Injuve 2009, estivo presente na mostra colectiva que tivo lugar nese mesmo ano no Círculo de Bellas Artes de Madrid, e tamén nunha itinerancia por diferentes espazos: o Centro Cultural de España de Asunción (Paraguay); a mostra EFERVESCENTE no Palais de Glace de Bos Aires (Arxentina) ou o Festival de Arte Joven ARTENDENCIAS, en Pozuelo de Alarcón, entre outros.
Compostela: camiños de desexo é un proxecto producido por Baleiro e financiado polo Injuve (Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade) e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da Universidade de Santiago de Compostela.
Á par, tamén están á venda na galería Metro de Santiago (Rúa Nova, 24) as pezas dunha edición limitada de fotografías dos atallos da cidade.
« Compostela: camiños de desexo é o resultado dun proxecto en proceso activo desde 2008 que presta atención ao fenómeno dos atallos, ou camiños de desexo: liñas que adoitan aparecer sobre o céspede creadas pola erosión causada por pasos humanos ou de animais. O amplo da investigación artística de Ismael Teira está formado por diversas pezas e soportes – fotografías, mapas, xeolocalizacións electrónicas e intervencións no espazo público – nos que reflexiona sobre a interacción entre o ser humano e o medio onde desenvolve a súa actividade. Neles, búscanse xeitos de documentar estes camiños creados polos peóns que debuxan redes de conexións e novas posibilidades de tránsito a través da cidade. Ditas liñas de traxectoria poden ser interpretadas como unha complexa interrelación entre o movemento mecánico, a capacidade de orientación e os cambios do medio no que teñen lugar. Por unha banda, os peóns tenden a coller o camiño máis curto cara o seu destino. Pola outra, procuran evitar as irregularidades do terreo. Por estes motivos unha persoa utiliza camiños existentes e, se a distancia relativa pode chegar a ser máis curta, crea novos atallos. Nun último momento, e se esta nova apertura é secundada por máis suxeitos, a vexetación desaparece e se delimita un trazo que confirma a apertura dun novo sendeiro. Non obstante, o fenómeno dos camiños de desexo tamén pode ser contemplado no sentido inverso, xa que a aqueles que deixan de ter un uso continuado vólvelles a crecer a herba e rematan por desaparecer. Esta lectura, determinada por continuas emerxencias e ocultamentos, comporta que o hipotético mapa da rede de atallos dunha cidade se reconfigure continuamente a través de longos procesos de cambio.»
Víctor E. Pérez Viqueira
Máis información:
http://www.baleiro.org/node/161
http://www.baleiro.org/node/145
http://www.injuve.mtas.es/contenidos.type.action?type=165774548&menuId=165774548
http://www.injuve.mtas.es/contenidos.type.action?type=753699994&menuId=753699994
http://www.injuve.mtas.es/contenidos.downloadatt.action?id=1374933499
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario