18.5.11

Ribeira: entregados os premios do Certame das Letras Galegas que organizou o Concello

Ribeira, 18 de maio de 2011. Dezaoito nenas e nenos de Ribeira con idades comprendidas entre 7 e 13 anos resultaron galardoados na 19ª edición do Certame Literario das Letras Galegas: un concurso promovido polo Concello a través das súas Áreas de Cultura e Educación, co fin de distinguir os traballos literarios máis destacados elaborados por rapaces de Primaria dos distintos colexios do municipio.  

Un total de 207 obras foron presentadas a estes premios, estruturados en tres categorías (prosa, poesía e banda deseñada), subdividíndose estas á súa vez nas modalidades de entre 7 e 10 anos e de entre 10 e 13 anos. 

Os edís Luciano Fernández e Juana Ermitas Crugeiras foron os encargados de entregar os diplomas e agasallos correspondentes aos rapaces distinguidos ante un Auditorio Municipal completamente cheo polos seus compañeiros de escola. Previamente, houbera un espectáculo de maxia a cargo de Dani García co título de Acción. 

Ademais, cada neno e nena participante recibirán un diploma e unha camiseta de agasallo que se entregará a cada colexio para a súa distribución. Por outra parte, todos os asistentes á función de maxia recibiron un cubilete de ceras do Maio Cultural. 

Relación de premiados

Na modalidade de prosa, os galardoados na categoría de 7 a 10 anos foron: Alba Pérez Prol, do colexio de Aguiño, pola obra “Alba, Sálvora e as Sereas”; Vania Lucía Traygo Cornejo, do Galaxia, por “Araña Maraña”; e Pablo Abad García, do colexio O Grupo, por “Mensaxe nunha botella”. 

Na categoría de 10 a 13 anos, os premiados foron María Roo Sampedro, do colexio de Aguiño, por “Bolboretas en perigo”; Laura Martínez Ayaso, do colexio A Milagrosa de Oleiros, por “Irmá dos mares”; e Jacobo Placer Frey, do CEIP de Palmeira, por “A patria”. 

Na modalidade de poesía, os distinguidos na categoría de 7 a 10 anos foron: Uxía Castromán Couselo, do colexio O Grupo, por “A primavera”; Javier Súarez Lijó, do colexio de Artes, por “O meu gatiño”; e Isabel Montero Santiago, do colexio A Milagrosa, pola obra “A casa dos Libros”. 

Na categoría de 10 a 13 anos, foron Andrea Rivas Pérez, do CEIP de Palmeira, por “Os namorados”; María Melón Bretal, do colexio Galaxia, por “A miña horta”; e Raquel Fernández Oliveira, do colexio de Artes, por “Alegría”. 

Na modalidade cómic, de 7 a 10 anos, foron premiados: Simón Sampedro Pego, do colexio de Artes, por “As letras galegas van en camiño”; Melisa Freiría Chauza, do colexio Galaxia, por “Un acontecemento inesperado”; e Sergio Martínez Martínez, tamén do Galaxia, por “Viaxe ao mar”. 

De 10 a 13 anos, os galardoados foron: Ana Pérez Arnoso, do CEIP de Aguiño, por “O aniversario de Sabela”; Lucas Fernández Falque, do colexio O Grupo, por “A invasión dos antigalegos”; e Irene Fariña Martínez, do CEIP de Palmeira, por “O can disfrazado”. 

Ao remate do acto entregouse aos colexios participantes lotes de libros de Lois Pereiro, a biografía que realizou Antón Lopo sobre o escritor homenaxeado nas Letras Galegas 2011, e varias publicacións promovidas polo Concello, como a última novela de Plácido Betanzos (“Paravea no Inferno”), o homenaxe poético a Riveira de Agustín Fernández Oujo e o libro sobre o patrimonio etnográfico e arqueolóxico de Barbanza de Ledicia Lustres Viturro.

Pode que lle interese:


Cultura: "Paravea no inferno", de Plácido Betanzos


Maio cultural: adicado a Lois Pereiro e Álvaro Cunqueiro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical