9.6.11

Ribeira: os artistas Manuel Ayaso e Alfonso Costa doaron vinte obras á Casa Museo Municipal

  • Catorce delas pintáronas de xeito conxunto
  • Con esta doazón inaugúrase un novo espazo, adicado ás creacións pictóricas

Ribeira, 9 de xuño de 2011.- O pintor aguiñense Manuel Ayaso e o seu colega noiés Alfonso Costa acudiron hoxe á Casa Museo Municipal co obxecto de  facer oficial a doazón aos fondos desta entidade unha colección, denominada Entredous, composta por vinte obras creadas por ambos artistas. Dáse a circunstancia de que catorce desta vintena de composicións foron pintadas por ambos, é dicir, durante a elaboración, cada un deles foi traballando por separado en cada unha das obras e despois llas entregou a outro, propiciando así un proceso de inspiración mutua. 

Ademais dos dous artistas, estiveron presentes neste acto  o alcalde saínte de Ribeira, José Luis Torres Colomer; o concelleiro en funcións de Cultura e Festexos, Luciano Fernández; e a directora do museo, Pilar Casas. 

O alcalde sinalou que esta doazón sirve para inaugurar un novo espazo no museo que estará destinado a albergar as creacións pictóricas e artísticas en xeral daqueles creadores que desexen doar obras ao museo municipal. Así mesmo, enxalzou os estilos respectivos de cada un dos artistas (“marcado pola súa infancia en Aguiño e profundamente relixioso en ocasións” no caso de Manuel Ayaso e “moi influenciado polo surrealismo e o cubismo” no caso de Alfonso Costa) e a capacidade de fundir nun só cadro ambos estilos. 

Mellora cualitativa do Museo

Pola súa parte, o edil Luciano Fernández declarou que esta nova doazón mellora cualitativamente o museo e animou a outros artistas e cidadáns a que se sumen a este tipo de iniciativas para que este espazo cultural siga aumentando os seus fondos. 

En canto aos pintores protagonistas, Manuel Ayaso manifestou que accións coma esta serven para que visitantes doutras partes de España comproben que tamén en Galicia hai artistas de valía; en tanto que Alfonso Costa louvou ao Concello de Ribeira por contribuír á difusión da arte con este tipo de iniciativas.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical