Educación di que se vai crear un novo Centro Integrado de FP en Ribeira
A cidade da Coruña contará con nova oferta o CIFP Someso (2 ciclos; o superior en Construcións metálicas e o ciclo medio en oferta modular para adultos en Carpintería e moble). No IES Fernando Wirtz Suárez créase un novo ciclo superior para adultos en Desenvolvemento de aplicacións web. No novo Centro Integrado Paseo das Pontes son 3 os novos ciclos (grao medio en Elaboración de produtos alimentarios, superior en Dirección de servizos de restauración, e grao medio para adultos en Cociña e Gastronomía). En total, o vindeiro curso A Coruña contará con 3 Centros Integrados, o xa citado de Paseo das Pontes, e os xa existentes de Someso e Ánxel Casal-Monte Alto. Deste xeito, ademais de ampliar a oferta de FP, acádase o obxectivo de concentrala, facilitando a especialización. Ademais haberá novos ciclos na CFEA DE GUÍSAMO (ciclos superior en Paisaxismo e medio rural), no IES Punta Candieira de Cedeira (superior para adultos en Sistemas electrotécnicos e automatizados), e no IES Universidade Laboral de Culleredo (ciclo medio para adultos en Instalacións de produción de calor). Respecto da cidade de Ferrol e a súa contorna, contarán con nova oferta o Ferrolterra (ciclo superior en Eficiencia enerxética e Enerxía solar térmica), que ademais recibirá do CIFP de Fene a rama de Electrónica. Tamén O CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro terá un novo ciclo superior para adultos en Desenvolvemento de aplicacións web. Ademais este último centro recibirá as ensinanzas de grao medio en Xestión Administrativa e superior en Administración e Finanzas, trasladadas desde o CIFP de Fene, que se transforma en IES o próximo curso e no que tamén haberá un novo ciclo de Instalacións Frigoríficas e Climatización. Na cidade de Santiago, o CIFP Politécnico de Santiago terá nova oferta modular para adultos no grao medio en Soldadura e caldeiraría, mentres que o CIFP Compostela incorporará o grao superior en Dirección de servizos de restauración e o medio para adultos en servizos en Restauración. Tamén nesta cidade o IES san Clemente incorporará o ciclo superior para adultos en Desenvolvemento de aplicacións web. Pola súa parte, o novo CIFP Coroso, en Ribeira, contará con tres ciclos novos: o medio en Instalacións de produción de calor e, en réxime modular para adultos, os graos medios en Instalacións eléctricas e automáticas e en Electromecánica de vehículos automóbiles. Por falta de oferta deixarán de impartirse na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira o ciclo medio en Pesca e Transporte Marítimo. Traslado de alumnado
Respecto do traslado do alumnado de ESO e Bacharelato dos futuros CIFP a outros centros, a Consellería xa se ten posto en contacto cos responsables dos centros afectados para explicarlles o procedemento, que se producirá durante o verán, ao igual que a adaptación dos devanditos centros a CIFP, co fin de evitar calquera interrupción da vida académica. O alumnado do Paseo das Pontes será reubicado nos IES Rafael Dieste e IES Salvador de Madariaga, mentres que os do Ferrolterra pasarán ao IES Sofía Casanova, e os do Coroso dividiranse entre : IES Nº 1 e o Leliadoura. Respecto dos docentes, tal e como está establecido, teñen dereito e prioridade na escolla doutro centro, polo que os que se vexan afectados por esta circunstancia debido á creación dos 3 novos CIFPs quedarán dentro da súa localidade. Reacción dos socialistas O portavoz de Educación do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Guillermo Meijón, esixiu hoxe á Xunta que manteña as ensinanzas de ESO e bacharelato nos centros IES Manuel Antonio –Vigo-, Politécnico de Lugo, Politécnico de Ferrolterra, Coroso –Ribeira-, A Xunqueira –Pontevedra-, Portovello –Ourense- e Paseo das Pontes –A Coruña-. O parlamentario socialista presentou unha serie de iniciativas nas que denuncia a “actitude autoritaria” da Consellería de Educación por tomar esta decisión con “desprezo a todo o que teña que ver coa participación e a calidade democrática”. Esixiu tamén que inicie un proceso participativo para acadar o consenso cos órganos de participación implicados. Meijón reclama así que a Xunta aprace esta decisión cando menos ata o próximo curso para que as comunidades educativas poidan pronunciarse a través do Consello Galego de FP, a Mesa Sectorial, os Consellos Escolares Municipais e os consellos escolares dos centros afectados para que as medidas “conten co máximo consenso e teñan en conta a singularidade de cada centro”. O responsable socialista criticou a actitude da Consellería por “manipular” este anuncio eludindo á Mesa Sectorial de Educación e decretando a desaparición destes estudos a tres meses do comezo do novo curso escolar, cando os centos teñen iniciado xa a formalización da matrícula, co que os nais e pais “daban por feito a continuidade dos seus fillos e fillas nos centros”. Advertiu que os claustros xa tiñan tomadas decisións sobre os libros de texto do curso vindeiro e atópanse volcados coas tarefas de fin de curso, agochando ademais a supresión de prazas públicas “en detrimento da calidade educativa” e coa amortización de entre 150 e 200 prazas docentes de ESO e Bacharelato.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario