7.6.11

Teatro: poñen á venda entradas para "A ópera dos tres reás", que dirixe o ribeirense Quico Cadaval e protagoniza Luis Tosar

Cartaz_pera_tres_res

  • O novo espectáculo da compañía pública estréase o vindeiro 23 de xuño no Auditorio de Galicia, onde ofrecerá un total de catro representacións ata o día 26. 

  • Poden adquirise de xeito anticipado a través da billeteira electrónica da web www.novacaixagalicia.es

Santiago, 7 de xuño de 2011.- O Centro Dramático Galego (CDG) acaba de habilitar a venda anticipada de entradas para as catro primeiras funcións do seu espectáculo A ópera dos tres reás, que estrea o vindeiro 23 de xuño no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Baixo a dirección escénica do dramaturgo de Ribeira Quico Cadaval e con Luis Tosar no papel protagonista, o equipo artístico entra na recta final dos ensaios desta versión da famosa obra asinada polo dramaturgo Bertolt Brecht e o compositor Kurt Weill, que a compañía da Consellería de Cultura e Turismo produce en colaboración con Novacaixagalicia e a Fundación Gaiás-Cidade da Cultura.

As entradas para as representacións dos días 23, 24, 25 e 26, ás 21.00 horas nos catro casos, poden adquirirse a través da billeteira electrónica da web de Novacaixagalicia (www.novacaixagalicia.es) ou do teléfono 902 43 44 43 a un prezo único de 15 euros. Os días de función, o despacho de billetes do Auditorio de Galicia permanecerá aberto entre as 17.00 e as 20.30 horas.

Programacións musicais


Enmarcada dentro das programacións do Ano da Música de Galicia e de Galicia Classics, A ópera dos tres reás está ideada como unha produción de teatro musical de gran formato que, trala súa estrea en Santiago, iniciará unha ampla xira durante a que se presentará en máis dunha ducia de escenarios e festivais dentro e fóra de Galicia.

Para a actualización deste clásico da ópera moderna, a compañía pública conta, ademais de con Quico Cadaval na dirección escénica e dramaturxia, coa achega de Diego García Rodríguez na dirección musical. Xuntos póñense á fronte dun amplo elenco integrado por 11 actores-cantantes (ademais de Luis Tosar no papel de Mackie Navalla, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marcos Orsi, Marta Pazos, Francisco Pérez "Narf", Muriel Sánchez, Begoña Santalices e Sergio Zearreta) e os 8 músicos que os acompañarán en directo: Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew MacNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical