15.7.11

Noia: o alcalde socialista segue co mesmo soldo da lexislatura anterior e será o que menos cobra da zona

Noia, 15 de xullo de 2011. Este xoves pasado, 14 de xullo, tivo lugar un pleno extraordinario no Concello de Noia no que se aprobaron dúas dedicacións exclusivas (alcalde, Rafael García Guerrero, con 28.000 euros brutos e concelleira de Medio Ambiente, Rural e Mariño e Participación Cidadá, Marisol Villar, con 25.600 brutos) e unha parcial de 25 horas pola que o concelleiro de Cultura, Javier Rodríguez, percibirá 14.354 euros brutos ao ano.

Os integrantes da corporación con dedicacións exclusivas ou parciais non poden cobrar por outros conceptos do concello, aínda que se incrementaron as comisións de coordinación -hai dúas ao mes-, que pasan dos 150 euros da lexislatura anterior aos 250. Tamén se aprobaron dous cargos eventuais de libre designación que exercerán como secretarios do grupo de goberno.

Hora e día dos plenos:

A hora dos plenos ordinarios quedou fixado para as oito e media do último venres de cada mes, como ata agora.

Comparativa de soldos: o alcalde de Noia -15.000 habitantes- cobrará o mesmo que a tenente de alcalde de Dodro -3.000 habitantes-

O alcalde de Noia deixou conxelado o seu soldo, co que seguirá a cobrar 1.500 euros e pico líquidos ao mes. Na pasada lexislatura colgara a súa nómina no seu blog, que aínda se pode ver aquí. Deste xeito, convírtese no alcalde da zona que menos percibe polo seu traballo en dedicación exclusiva.

En Rianxo, Adolfo Muíños (Bng) cobrará 41.000 euros brutos e o tenente de alcalde, Carlos Gey (Psoe), 36.900 euros brutos ao ano. En Ribeira, Manuel Ruiz (PP, o partido da austeridade, segundo Feijóo) cobrará 56.000 euros brutos. En Boiro, Juan José Dieste -outro austero do PP- cobrará 55.876 euros brutos. En Porto do Son, alcalde -PP- e tenente alcalde -Independente- cobrarán cada un 35.000 euros brutos. A mesma cantidade que a alcaldesa socialista de Muros, Caridade González, pero que se adicará só parcialmente á alcaldía e deixa en mans de Bartolomé Freire unha dedicación exclusiva de 25.200 euros. En Lousame, que non chega a 4.000 habitantes -Noia anda arredor dos 15.000-, o austero alcalde do PP cobrará 35.700 euros ao ano. Ao pé, en Dodro, será a tenente de alcalde austera do PP, Marisol Boga, quen exercerá a dedicación exclusiva con 28.000 euros brutos, o soldo máis alto dun político na historia deste pequeno municipio que apenas sobrepasa os 3.000 habitantes.

E mentres, o Instituto Nacional de Estatística acaba de informarnos de que o salario medio dos españois é de 21.500 euros brutos ao ano. A pregunta que sempre nos facemos neste xornal é: como van representarnos persoas que cobran de media dúas ou mesmo tres veces máis que alguén con traballo? Que faría un dos nosos políticos co subsidio dun parado, dos que aínda o perciben -5.000 euros brutos ao ano- ou dunha xubilada con pensión non contributiva -4.866 euros ao ano-?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical