13.7.11

Noia: a Xunta di que as obras da primeira fase da rede de colectores comezan despois do verán

Noia_augas

  • O presidente de Augas de Galicia asinou esta mañá o contrato de obra, cun orzamento de case catro millóns de euros
  • Esta actuación levarase a cabo en virtude dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Noia
  • O proxecto prevé a disposición de colectores xerais, de pluviais ou de fecais así como melloras do sistema de bombeo
  • Esta actuación tamén permitirá avanzar na mellora do saneamento da ría de Noia, que se completa con outras actuacións

Noia, 13 de xullo de 2011.- As obras da primeira fase da rede de colectores no Concello de Noia comezarán despois de verán. Así o confirmou esta mañá o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, na firma do contrato de obra desta actuación hidráulica, cuxo orzamento se eleva a 3,8 millóns de euros e que foi adxudicada a UTE Movex vial Abeconsa.

Tal e como subliñou Menéndez a rede de sumidoiros actual é unitaria nun 95%, polo que é necesario xestionar as augas en tempo de choiva. Só o casco histórico conta cunha rede separativa. Na actualidade, a rede de colectores ten graves deficiencias, como pozos de rexistro con infiltracións, tramos en contrapendente, bombeos inutilizados, ou colectores por praias ou marxes de ría.

A finalidade deste proxecto é mellorar as condicións de funcionamento da rede de saneamento de Noia, co fin de acadar o saneamento e a depuración das verteduras, evitándoas á ría de Noia. En definitiva, estas obras permitirán rehabilitar os treitos existentes, recollendo case toda a rede de saneamento municipal e garantir o seu funcionamento ao illala das infiltracións.

O proxecto recolle a execución dun colector interceptor xeral que permita derivar todas as augas fecais á estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Noia. Tamén se proxecta a implantación dunha primeira fase de rede de colectores de augas pluviais que posibilite a evolución cara unha rede de saneamento separativa.

As infraestruturas previstas son un colector interceptor norte dividido en dous tramos, cun total de 423 metros e a reparación dunha bomba existente, un colector interceptor sur dividido en 11 treitos cunha lonxitude de 2.888 metros, a execución de dúas bombas de nova planta e a construción de cinco bombeos e máis de 1.000 metros de impulsións.

Os traballos desta primeira fase centraranse na reconstrución do colector interceptor xeral de forma completa, tanto as conducións, como o sistema e bombeos e alivios, de forma que deriven as augas en tempo seco cara á EDAR municipal. Para iso actúase sobre todos os tramos do colector interceptor, a excepción do tramo máis próximo á EDAR, situado na marxe sur do interceptor, entre a última bomba e a depuradora, tramo que se mantén nas súas actuais características.

Co obxecto de minimizar o bombeo das augas do sistema de saneamento en tempo seco, débese reducir a contaminación de augas limpas que se produce sobre a devandita rede unitaria nese tempo seco.

Detectáronse tres zonas de achega en tempo seco importantes, unha localizada sobre a zona do Estadio de San Lázaro, outra no barrio de Labarta e outra na zona da Horta da Zapateira. Na primeira e última zona constrúense colectores interceptores de pluviais, que posibilitan a recondución de augas pluviais que proceden de dous regatos que se atopan agora mesmo canalizadas sobre a rede xeral unitaria.

Na zona do barrio de Labarta a achega de augas limpas en tempo seco ten unha orixe indeterminada, xa que non se pode identificar unha achega concreta, debido á magnitude da rede secundaria que acomete sobre a zona, e ao seu grao de urbanización. Tamén é precisa a construción dunha rede interceptora de pluviais extensa, que se estende ata o barrio de vista Alegre. O colector funcionará no futuro como parte estruturante de toda a rede de pluviais nun esquema separativo e, na rede actual, como alivio co obxecto de derivar a punta de augas menos contaminadas e que non entre sobre a rede interceptora unitaria.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estima que a poboación conectada á rede será de 23.061 habitantes equivalentes. Esta actuación tamén permitirá avanzar na mellora do saneamento da ría de Noia, que se completa con outras actuacións levadas a cabo pola Administración galega, como son os colectores xerais e a Edar de Esterio, en Muros, cun investimento de 6,7 millóns de euros; ou os colectores xerais e a Edar de Porto do Son, nos que a Xunta investiu 12,2 millóns de euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical