13.7.11

Cultura: unha exposición sobre a traxectoria de Castelao comeza a súa andaina en Santiago

  • Inaugurouse hoxe na biblioteca Ánxel Casal
  • Con esta mostra, que poderá visitarse ata o 31 de xullo, a Xunta de Galicia contribúe a difundir a figura de Castelao no 125 aniversario do seu nacemento

Santiago, 13 de xullo de 2011.- O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou hoxe na inauguración da exposición Castelao na Biblioteca Anxel Casal de Santiago de Compostela, onde estará aberta ao público ata o vindeiro 31 de xullo. Con motivo do 125 aniversario do nacemento do escritor de Rianxo, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, promove esta mostra itinerante que, tras estar no Museo de Pontevedra, percorrerá nos próximos meses as bibliotecas nodais da comunidade galega e os centros escolares, co fin de achegarlle á sociedade a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Este proxecto expositivo, comisariado por Xosé Ramón Fandiño e que conta co asesoramento do Director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, repasa a biografía de Castelao e os acontecementos da súa polifacética personalidade a través de sete paneis con desenvolvemento teórico e complementados con sistemas interactivos e música ambiental galega.

Na súa intervención, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, destacou que a inauguración desta exposición ten lugar dous días despois de facerse pública a decisión da Dirección Xeral do Patrimonio de iniciar o procedemento para a declaración do conxunto da obra de Castelao como Ben de Interese Cultural. Francisco López asegurou que esta e outras iniciativas “confirman que en si algo estamos de acordo os galegos é en que non hai outra figura con máis presenza, con máis impronta en Galicia que Castelao”.

O director xeral asegurou que “aínda queda moito por facer”, pero recalcou que “a lembranza de Castelao que hoxe traemos aquí é a dunha traxectoria vital que queremos ter como referencia para afrontar o futuro con confianza”. Nesta liña, destacou a importancia de transmitir o legado de Castelao á xuventude galega, polo que se decidiu que esta mostra percorrese as bibliotecas e centros escolares galegos.

O contido da mostra fai un percorrido pola obra e a vida de Castelao desde a súa infancia en Rianxo e a adolescencia como emigrante na Pampa arxentina, ata o exilio, primeiro en Nova York e despois en Bos Aires. Nese percorrido, a exposición recolle os aspectos máis salientables da súa faceta de escritor, de artista gráfico, de debuxante e de político. Os seus primeiros pasos como debuxante e caricaturista, a incorporación en 1917 ás Irmandades da Fala, a súa traxectoria como deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes de 1931 ou seu papel na fundación do Partido Galeguista son algúns dos episodios que nos achega a exposición.

Logo do seu paso pola Biblioteca Anxel Casal de Santiago, a mostra realizará a súa próxima parada na Biblioteca González Garcés, onde estará desde o 2 ao 22 de setembro.

Relacionada:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical