O Bng presentou esta moción á prensa fronte ao colexio Salustiano ReyA Pobra, 27 de xullo de 2011. O Bng da Pobra volta este xoves, 28 de xullo, a meter en pleno unha moción na que se solicita que o goberno local lle preste máis atención ás condicións en que se atopan os centros de ensino deste concello.
O texto íntegro da moción é o que segue:Rosana Pérez Fernández, concelleira e portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego nese Concello, presenta, para a súa inclusión e debate na vindeira sesión plenaria ordinaria do mes de xullo, a seguinte MOCIÓN, relativa á falla de atención ao ensino público e ás deficiencias no mantemento dos centros do noso concello.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Ao longo dos últimos anos, foron moitas as ocasións nas que o BNG denunciou públicamente e diante do Goberno Municipal a falla de atención á que, por parte do mesmo, está sometido o ensino público en xeral no noso concello e, en particular, as múltiples deficiencias no mantemento dos centros que, en moitos casos, levan anos sin subsanar.
Moi lonxe queda xa aquela promesa do Partido Popular da Pobra de poñer en funcionamento o Consello Escolar Municipal (CEM), órgano que daría cabida ao debate e propostas de solución de todos os problemas do ensino no concello e á participación activa e real de toda a comunidade educativa, cuestión que é máis que evidente que nunca interesou en absoluto ao Goberno local.
Moito máis recente, deste mesmo curso, é a política de recortes que está a levar o Partido Popular na Xunta de Galiza a respecto dos servizos públicos fundamentais e que, neste caso, afecta á calidade da educación e á formación do profesorado. O Centro de Formación e Recursos (CFR), ubicado dende hai anos no Colexio Fernández Varela vén de pechar as súas portas por mandato expreso da Consellería de Educación. Unha vez máis, as máis altas autoridades educativas veñen de incumprir as súas promesas relativas á mellora do ensino e, mentres se comprometeran a suplir o peche do CFR con cursos para o profesorado nesta comarca, publican o Plan de Formación 2011-12 onde figuran cero cursos na mesma.
Tema aparte, de vital importancia para o desenvolvemento normal e diario das actividades docentes e extra-escolares e de grande preocupación para o conxunto da comunidade educativa é a desidia municipal e o incumprimento sistemático das súas competencias respecto do mantemento habitual dos centros de infantil e primaria.
As condicións inexplicábeis nas que se atopa o saneamento do Pilar Maestú e Salustiano Rey Eiras son tan vellas como as promesas e os incumprimentos do Executivo local de solucionalas. O abandono dos patios e contornas dos centros escolares é tamén un clásico do Goberno Municipal: Peches perimetrais deteriorados, falla de asfaltados, accesos aos centros en condicións lamentábeis, falla de limpeza, exceso de maleza, problemas de tráfico, aparcamento, etc., etc., etc. A todo isto temos aínda que engadir a escaseza de marquesiñas en moitos lugares onde as nenas e nenos agardan o transporte escolar.
Por todo o exposto, esta concelleira, en representación do Grupo Municipal do BNG, propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS:
O Goberno Municipal:
1.- Constituirá e porá en funcionamento o Consello Escolar Municipal para que poda estar operativo nos primeiros meses do vindeiro curso 2011-12.
2.- Demandará da Consellería de Educación a reprogramación dos cursos para o profesorado, de xeito que, no 2011-2012, se podan desenvolver tamén na nosa comarca.
3.- Levará a cabo, sin máis dilación, a conexión ao alcantarillado municipal dos colexios Pilar Maestú, Salustiano Rey Eiras e tamén do IES da Pobra.
4.- Exercerá as súas competencias e velará polo estricto mantemento dos centros de infantil e primaria do noso concello, atendendo con prioridade e executando dilixentemente todas aquelas demandas das comunidades educativas e das direccións relativas ao mesmo, nomeadamente as referidas a seguridade, limpeza e adecentamento do interior e exterior dos edificios escolares.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario