DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DOS GRUPOS QUE COMPOÑEN A CORPORACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO DE RIVEIRA A FAVOR DA SÚA FROTA PESQUEIRA
Desde as súas orixes a economía do Concello de Riveira está intimamente ligada co sector pesqueiro do que deriva a súa maior fonte de riqueza e que constitúe a esencia das súas raíces sociais, económicas e culturais.
O traballo secular dos homes e mulleres do mar converteron a Riveira nun dos portos de baixura máis importantes de Europa, logro que sería imposible de acadar sen respecto ao medio mariño e aos recursos existentes.
Sendo isto así, o Pleno deste Concello, a súa sociedade en xeral e o sector pesqueiro en particular é consciente de que o futuro do noso municipio depende de que o cambio que necesariamente debe darse na política común de pesca (PCP) da Unión Europea ten que apoiarse no principio de sostibilidade, principio que debe basearse no equilibrio dos tres piares que o conforman, o ambiental, o económico e o social.
Botando unha ollada inicial á proposta da comisaria de Pesca da Unión Europea, Sra. Damanaki, o Pleno quere amosar a súa preocupación pola falta de equilibrio desta, no que o peso do compoñente ambiental parece esquecer que o sector pesqueiro se caracteriza por xerar emprego en zonas periféricas que na súa meirande parte non teñen alternativas económicas ao aproveitamento pesqueiro, polo que solicitamos un maior peso dentro da PCP dos aspectos socioeconómicos que necesariamente deben incidir nela.
Nesta mesma liña observamos que ante a formulación de medidas que ocasionarán importantes cambios na situación actual non se contemplan os mecanismos e instrumentos financeiros destinados a paliar os posibles efectos negativos que poidan producirse no sector e por ende en toda a economía do noso Concello.
A falta de precisión e concreción en conceptos como o enfoque ecosistémico na xestión das pesquerías, a esixencia do obxectivo de recurso máximo sostible en 2015, a xestión dos descartes, a organización común dos mercados, a gobernanza ou os referidos á costeira, a pesca artesanal ou o marisqueo son obxectivos da reforma que deben ser analizados máis polo miúdo pero do que xa se pode afirmar que adoecen de importantes eivas que deberan ser corrixidas no documento definitivo.
É por iso que o Concello de Riveira, dada a importancia do sector pesqueiro que fai esta zona altamente dependente desta actividade, considera esencial a defensa do sector pesqueiro nacional e polo tanto de máximo interese a colaboración entre os responsables do goberno central e das CCAA, así como destes co sector pesqueiro co fin de consensuar propostas que teñan en conta as preocupacións do sector produtor como de todos os territorios, que coma o noso, dependa principalmente da riqueza que a pesca proporciona.
Manifestamos, igualmente, o noso apoio a todas as medidas que desde as institucións públicas responsables poidan levarse a cabo en defensa do sector e reclamamos que nos grupos de traballo que se puidesen crear para tal fin estean presentes representantes do porto de Riveira.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario