26.7.11

Rianxo: o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, incidiu na reforma do Estatuto o Día de Galicia

Rianxo_pachi_vzquez


Rianxo, 26 de xullo de 2011. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, anunciou onte en Rianxo que no próximo mes de setembro presentará no Pleno do Parlamento unha Proposición de Lei para a reforma do Estatuto de Autonomía. O líder dos socialistas galegos fixo este anuncio na ofrenda floral a Castelao no Día de Galicia, nun acto de tivo lugar na Ribeiriña, fronte ao busto de Castelao, no 125 aniversario do nacemento do intelectual e político galeguista.

Pachi Vázquez chamou ao consenso para acadar un acordo de reforma “na defensa dos dereitos dos galegos e das galegas” e para “blindar en Galicia os piares do Estado social”. Chamou así ás restantes forzas políticas a “poñer a Galicia no primeiro plano da acción política” para aprobar un novo Estatuto de Autonomía que amplíe o teito competencial de Galicia e “reclamar ao que temos dereito”.

O líder socialista propuxo unha reforma administrativa que garanta o principio de “un servizo, unha administración” para “evitar duplicidades que dupliquen o custo e dividan por dous a eficacia”. Chamou a aplicar a fiscalidade “en función da capacidade” e fundar “un modelo no que o peso da crise non caia sobre os que menos poden”.

Lembrou que “galeguismo é traballar na defensa dos galegos e das galegas” e reivindicou que as prioridades de Galicia son “conseguir crecer máis e crear emprego, resolver o problema do sistema financeiro, garantir a sanidade e a educación públicas, universais, gratuítas e de calidade e poñer tódolos recursos da Administración galega ao servizo dos cidadáns e non ao servizo dun partido político e dunha ideoloxía”.

Salientou así que “nunca, dende que se aprobara o Estatuto de Autonomía de Galicia, hai xa 30 anos, os galegos temos estado mais desprotexidos polo noso propio goberno” como agora con Feijóo. Sinalou que “tras dous anos e tres meses de política ultralilberal, os galegos vimos padecendo unha merma paulatina dos nosos dereitos cívicos e sociais”.

Denunciou que Feijóo “tomou a decisión de anular a capacidade de Galicia para intentar resolver os problemas dos cidadáns” e optou por subordinala “aos intereses da calle Génova -a sede do PP- por riba dos intereses dos galegos e das galegas”. Engadiu que “é a plasmación viva da resignación e da falla de iniciativas e alternativas ante a grave situación de Galicia”.

Advertiu que os socialistas galegos “non imos ceder un palmo de terreo nin desperdiciar un minuto sen esixir solucións viables e factibles aos problemas dos galegos” porque “a responsabilidade é de quen goberna”. O obxectivo é “un autogoberno útil para os cidadáns” e que permita “aportar solucións dende Galicia e para Galicia” e si o goberno galego se segue a amosar incapaz “que cambie o goberno ou que cambie a súa política”.

Copago, sanidade e emprego

Subliñou que “neste momento non hai outras prioridades mais que a creación de emprego e a garantía da pervivencia do sistema público sanitario e educativo, sen privatizacións, sen copago e sen discriminacións no acceso aos medicamentos”. Lembrou ao Goberno galego que “xa pasou o tempo das promesas, dos lemas e das evasivas” e apuntou que “os socialistas seguiremos estando na primeira liña de loita contra as  desigualdades”.

Neste sentido, reivindicou o dereito dos galegos e das galegas a unha sanidade que non teña “nin copago, nin privatización, nin recorte sanitario, nin ocultación das listas de espera”. Reclamou “os mesmos medicamentos que no resto das autonomías” para o cal esixiu a Feijóo que asuma a receita por principio activo que foi aprobada no Consello interterritorial de sanidade da pasada semana.

Pachi Vázquez sinalou que o autogoberno “debe ser útil para o noso país” e garantir tanto unha sanidade como unha educación públicas, universais e gratuítas “fronte a un goberno privatizador que reduciu as bolsas de estudos á metade e está a suprimir profesores no ensino público. Dixo que “pasou o tempo das promesas” e engadiu que é o momento de “priorizar o emprego, a axuda económica ás empresas e aos autónomos”.

Pachi Vázquez interviu no acto de ofrenda floral dos socialistas galegos diante do busto de Castelao na súa localidade natal, Rianxo, nun acto que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas do atentado da illa de Utoya e no que tamén participou o portavoz do Grupo municipal Socialista, Carlos Gey, e no que estiveron presentes o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, e representantes socialistas no Congreso, Senado e Parlamento de Galicia, así como cargos orgánicos deste partido socialista en Galicia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical