13.7.11

Ribeira: este sábado, 16 de xullo, estrea de "Bailadela da morte ditosa", de Roberto Vidal Bolaño

  • Será posta en escea polo Grupo Xuvenil de Teatro de Ribeira
  • É unha actividade da "Fiestra da Cultura"

Ribeira, 13 de xullo de 2011.- A concelleira de Cultura de, Elvira Pisos Arnoso, e o director do Grupo Municipal Xuvenil de Teatro, Segundo Chiki Durán, ofreceron hoxe detalles da cuarta montaxe que, baixo o título de “Bailadela da Morte Ditosa” (obra orixinal do prestixioso dramaturgo Roberto Vidal Bolaño) este elenco vai estrear o vindeiro sábado, 16 de xullo, dentro do programa de actividades enmarcadas en “A Fiestra da Cultura”.

Segundo informou Elvira Pisos, esta actuación suporá a despedida dalgúns compoñentes do grupo despois de anos de traballo actoral, no que foron dando conta da súa valía para estar enriba dun escenario. Pisos Arnoso quixo desexarlles que o seu futuro lles outorgue, como mínimo, os éxitos que ao longo destes anos lograron dentro do grupo, ao tempo que mandar tamén unha forte mensaxe de ánimo a todos aqueles que desembarcan no grupo xuvenil procedentes do grupo municipal infantil.

Así e logo, o grupo está formado por 25 persoas entre actrices, actores e persoal de apoio, tanto técnico como escenográfico. Obras como “Volverasme ver”, “Bandas rivais”, ou “Como na casa”, conforman o currículo dun equipo que vai dando conta do resultado que, ano tras ano, levan realizado ao longo do curso de interpretación.

A concelleira aproveitou a súa intervención para convidar a todos os veciños e visitantes  a esta estrea que terá lugar este vindeiro sábado, día 16 de xullo, ás 21,30 horas no Auditorio Municipal, lembrándolles que as entradas, coma sempre gratuítas, poderán retirarse media hora antes da citada función.

Pola súa parte, Chiki Durán explicou que a obra orixinal está dividida en seis cadros, dos que eles elixiron catro, nos que “se contan outros tantos encontros coa morte, unha morte que chega cando ten que chegar ou á que se chama cando a vida xa carece de sentido, porque a dor, o abandono, ou mesmo o desamor convértena en insoportable”.

Cada unha das escenas remata cunha “Cantiga” final, diferente en cada caso, contribuíndo ao climax dramático en cada unha delas. Dramas como o dun home que se sente impotente para paliar a dor Terminal da súa muller… ou dunha neta que sabe que, cando a súa abóa morra vai quedar soa e desamparada… a historia dunha muller núa que volta xunto ao seu home, morto anos atrás, para convencelo de que segue a ser o amor da súa vida, ou a dunha muller que ve como o seu negocio de toda a vida vese abaixo e con ela a súa vida enteira, arrastrando, na súa desesperanza ás traballadoras da súa fábrica de pirotecnia…, conforman xunto coa Morte e a Pega, unha nova montaxe na que o Grupo Municipal Xuvenil de Teatro de Riveira intenta homenaxear a un dos mestres e un dos maiores expoñentes do teatro galego… Roberto Vidal Bolaño.

Dúas actividades do Verán Cultural

Elvira Pisos aproveitou para lembrar o desenvolvemento mañá e pasado mañá de dous actividades organizadas pola súa Concellería que están adscritas ao programa Verán Cultural.

Así, mañá xoves, ás 20 horas, na Aula Multimedia de Riveira terá lugar a primeira das proxeccións enmarcadas dentro do ciclo audiovisual Onda-Cinema, titulada “Pinocchio 1573”, en colaboración co Consorcio Audiovisual Galego.

Por outra parte, o venres ás 12.00 do mediodía, na praza do concello terá lugar a primeira actuación de “Monicreques Empraza-2” a cargo da compañía Duendesico coa posta en escena da montaxe “Quen quere ser paiaso”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical