- Un programa anual de actividades dinamizará as instalacións
- No exterior haberá xogos de mesa e unha pista polideportiva
- Copiarase o funcionamento doutras casas da xuventude que traballan ben en Galicia
- Bótanlle a culpa de que non funcione aos túzaros que levan danado parte do inmoble
Imaxe de setembro de 2009. A Casa da Xuventude xa estaba lista. Estamos en agosto de 2011 e só valeu para facer catro reunións mal contadasRibeira, 16 de agosto de 2011. – O Goberno Municipal "está decidido a activar de forma definitiva a entrada en servizo da Casa da Xuventude". Acaba de adoptar unha serie de medidas encamiñadas a que este espazo municipal estea xa en funcionamento co inicio do outono e que "como moi tarde no Nadal" opere a pleno rendemento. Unha das principais trabas con que se está atopando o Executivo Local son os actos violentos que con relativa frecuencia están a ter o inmoble como destinataria. Sen ir máis lonxe, nos últimos quince días producíronse diversos episodios de creba de cristais, inundacións ou pechaduras atrancadas que xa foron denunciados na Comisaría. Grumir de noite
Por esta razón, e con independencia do labor propio das forzas de seguridade, o Concello dispuxo que a patrulla nocturna do Grumir cambie provisionalmente a súa sede dende os baixos da Casa Consistorial ata a Casa da Xuventude. Efectivos do Grupo Municipal de Intervención Rápida están a durmir na residencia do inmoble, que a teñen como base de operacións para que a súa presenza sirva de factor disuasorio contra a produción de ataques dos túzaros. Por outra parte, os pasados días comezouse coa limpeza do exterior e o arranxo dos desperfectos e non se descarta a contratación temporal de seguridade privada mentres as instalacións non estean en funcionamento. Outra das principais medidas adoptadas polo Executivo é a confección dun programa de actividades dirixidas a mocidade co obxectivo de sacar dinamizar o edificio durante todo o ano. Serían accións de índole cultural, musical, social, educativa, etc... razón pola cal a programación está sendo elaborada de forma coordinada por distintos Departamentos. Está previsto que o calendario de eventos inicie a súa andadura a comezos da estación outonal. Doutro lado, o Equipo de Goberno vai acometer o acondicionamento da recinto exterior para darlle máis utilidade. Neste sentido, construírase unha pista deportiva multiusos (instalación moi demandada polos veciños ante a escaseza deste tipo de recintos no casco urbano) e habilitarase un espazo para a práctica de actividades recreativas tales como ping pong ou xogos do mesa. Un dos patios interiores será cuberto para acondicionalo como sala multiusos. Espazos polivalentes
O Concello pretende o máximo aproveitamento dos espazos en que se distribúe o inmoble, conferíndolle a cada un dos mesmos carácter polivalente sempre que sexa posible. Por poñer un exemplo, un mesmo espazo podería ser empregado como comedor pero tamén como aula de estudo dependendo das necesidades puntuais de cada momento. O Concello está a recibir asesoramento de responsables de Casas da Xuventude que están funcionando noutras localidades galegas
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario