13.9.11

Barbanza: e ti, como pensas que será esta bisbarra no 2061?

  • Convocan un concurso escolar de carácter comarcal destinado a escolares de Infantil, Primaria e Secundaria de Rianxo, A Pobra, Boiro e Ribeira. O prazo para presentarse remata o 24 de outubro
  • Os premios son dúas viaxes de grupo -a Valencia e a Madrid- e unha macro-festa nun cámping
  • Convoca o recén constituído Club Exxpopress, colectivo de xornalistas apadriñado este verán pasado por José María Íñigo. Integrantes deste club soterrarán unha "cápsula do tempo" o 11 do 11 de 2011 ás 11:11 horas na praza de España de Ribeira cos traballos premiados. Contan con que alguén a abra -eles mesmos dubidámolo- en 2061.

Barbanza, martes 13 de setembro de 2011. O Club Exxpopress acaba de convocar o CONCURSO ESCOLAR COMARCAL “BARBANZA-2061”, destinado a todos os alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da comarca de Barbanza (Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo). É a primeira vez que se celebra nesta comarca un certamen de carácter comarcal e para todas as categorías. O certamen está patrocinado por un grupo empresarial e conta coa colaboración dos Concellos de Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo, así como dun cámping rural e unha axencia de viaxes. Os traballos gañadores do certamen serán introducidos (sempre que as súas características e tamaño o permitan) na CÁPSULA DO TEMPO que o Club Exxpopress soterrará o día 11 de Novembro de 2011 ás 11.11 horas na Praza de España de Ribeira e que será aberta en 2061.

BASES

Os alumnos de Educación Infantil deberán realizar conxuntamente (por aulas) un mural baixo a temática: “Como imaxinas o mundo en 2061?”. Na parte posterior deben figurar os nomes e apelidos dos autores, así como o curso, a aula e o centro educativo ó que pertencen. O tamaño e as características dos murais quedan a libre criterio dos participantes.

Os alumnos de Educación Primaria deberán realizar por grupos (como máximo de catro alumnos) a portada dun xornal no que reflictan as noticias que, segundo imaxinan, poderían selo dentro de 50 anos. Na parte posterior deben figurar os nomes e apelidos dos autores, así como o curso, a aula e o centro educativo ó que pertencen. O tamaño e as características dos traballos quedan a libre criterio dos participantes.

Os alumnos de Educación Secundaria deberán realizar, por grupos (como máximo de cinco alumnos) un traballo audiovisual (por exemplo, un corto, unha coreografía, un anuncio, unha representación teatral, unha performance, etc.). Os traballos deberán ser inéditos e estar protagonizados e realizados polos alumnos. Deberán presentarse en formato MPG e non poderán exceder os 3 minutos de duración. A temática será “Como imaxinas o mundo en 2061?”. Os traballos deberán acompañarse dunha ficha técnica na que se informe do tipo de participación de cada alumno nos mesmos, facendo constar os seus nomes e apelidos, así como o curso, a aula e o centro educativo ó que pertencen. Os traballos presentados nesta categoría serán incluidos na programación do festival audiovisual Acción do Concello de Boiro.

PRAZOS E FALLOS

Os alumnos das tres categorías disporán ata o día 24 de outubro de 2011 ás 15.00 horas para entregar os traballos nos seguintes centros, nos que serán expostos os das categorías de Infantil e Primaria para a súa valoración polos respectivos xurados:

En Ribeira: Auditorio.

Na Pobra: Casa da Cultura

En Boiro: Casa da Cultura

En Rianxo: Auditorio.

Os traballos da categoría de Secundaria deberán entregarse tamén en ditos centros, dentro dun sobre no que se incluirán os datos dos autores. A partir dese momento, os membros dos xurados das categorías de Infantil e Primaria disporán do 26 ó 31 de outubro para valorar os traballos.

O xurado das categorías de Infantil e Primaria está formado por tres representantes de cada un dos catro concellos participantes (Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo). Os 12 membros do xurado visitarán os traballos expostos nos seus respectivos concellos os días que acorden e seleccionarán tres obras na categoría de Educación Infantil e outras tres obras na categoría de Educación Primaria, retirando da exposición as obras seleccionadas.

Posteriormente, os 12 membros do xurado reuniranse en data a fixar entre os días 2 e 5 de novembro (presentando todos os traballos seleccionados) para votar e emitir o fallo conxuntamente.

Os traballos que se presenten ó concurso na categoría de Educación Secundaria serán incluidos na programación do festival audiovisual Acción, organizado polo Concello de Boiro, exercendo como xurado as persoas que sexan designadas no seu momento a tal efecto por parte da organización de dito festival e por parte do Club Exxpopress. Este xurado emitirá o seu fallo o día 5 de novembro, data na que se entregará o premio nesta categoría.

A decisión dos xurados das categorías de Infantil e Primaria farase pública mediante comunicado de prensa o día 7 de novembro.

A entrega dos premios de Infantil e Primaria terá lugar o día 8 de novembro nos centros correspondentes. Os traballos gañadores serán introducidos (sempre que o seu tamaño e características o permitan) na Cápsula do Tempo que o Club Exxpopress soterrará o día 11 de novembro de 2011 ás 11.11 horas na Praza de España, en Ribeira.

PREMIOS

Categoría de Educación Infantil: unha MACRO FESTA INFANTIL para os alumnos da aula gañadora no Cámping Rural Ría de Arosa-2 de Oleiros (Ribeira), con comida e merenda; Castelo Inchable, Tren Infantil, Festa da Escuma, Tiro con Arco, Piscina Infantil e Cuadriciclos.

Categoría de Educación Primaria: unha VIAXE Ó PARQUE WARNER (MADRID) para o equipo gañador máis un titor. Inclúe: viaxes en avión ida e volta no mesmo día, seguro de viaxe, comidas, billetes de metro e cercanías e entradas ó parque Warner.

Categoría de Educación Secundaria: unha VIAXE DUNHA FIN DE SEMANA A VALENCIA PARA VISITAR A CIDADE DAS ARTES E DAS CIENCIAS para o equipo gañador máis un titor. Inclúe: viaxes en avión ida e volta, seguro de viaxe, aloxamento con almorzo e entradas á Cidade das Artes e das Ciencias.

O Club Exxpopress condiciona a entrega das viaxes ó compromiso por escrito dos directores dos centros educativos de que os alumnos irán acompañados dun titor, xa sexa do corpo docente, da ANPA ou calquer outra persoa que conte co beneplácito do centro.

O Club Exxpopress é unha entidade sociocultural, de ámbito autonómico (Galicia) e sen ánimo de lucro, creada e promovida por xornalistas de prensa, radio, televisión e medios dixitais, pero aberta a toda a sociedade. A súa sede está no municipio de A Pobra do Caramiñal (A Coruña). Está apadriñada polo xornalista e presentador José María Iñigo e presidida polo xornalista Jesús Souto Rodríguez. Os obxectivos fundamentais do Club son a organización de actividades de interese cultural, turístico e empresarial, así como daquelas relacionadas co xornalismo.

Concurso Escolar Barbanza-2061.odt Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical