12.9.11

Ribeira: adxudican a mellora da estrada AC-303 entre Oleiros e Corrubedo

Media_httpfarm7static_iptqp

  • Está  previsto que as obras dean comezo no mes de outubro 
  • Orzamento de 2,42 millóns máis ive. Sete metros de sección de vía, con beirarrúas e sendas peonís

Ribeira, 11 de setembro de 2011.- Por medio da Sociedade Pública de Investimentos (SPI), a Xunta de Galicia acaba de adxudicar á empresa Canarga. S.L. as obras de mellora da estrada AC-303, entre Oleiros e Corrubedo. 

O alcalde Manuel Ruiz Rivas interesouse por esta actuación, amplamente demandada polos veciños de Oleiros, Olveira e Corrubedo ao vertebrar estas tres parroquias e, segundo puido saber, está previsto que os traballos comecen xa no mes de outubro. 

Cun orzamento final de 2,42 millóns de euros máis IVE e un prazo de execución de 16 meses, esta actuación ten como obxectivo a urbanización e incremento da seguridade na citada vía.  A estrada presenta actualmente unha serie de deficiencias, como ausencia de itinerarios peonís completos, mal estado do firme no treito inicial ou falta de ordenación dos xiros á esquerda e cambios de sentido. 

Este proxecto mellorará  os 7 primeiros quilómetros da estrada (entre o p.q 0+000 e o p.q 7+002), ampliando a sección actual e construíndo beirarrúas e sendas peonís de 1,5 metros de ancho. Ademais, urbanizaranse as travesías de Bretal e Olveira e ordenaranse as interseccións con posibilidade de cambios de sentido e a implantación de novas conexións. 

Ponte do río Artes

As obras a levar a cabo permitirán ampliar a sección da plataforma actual ata os 7/8 metros incluíndo a ponte do río Artes ou Arlés (entre o p.q 0+850 e o p.q 1+060). Deste xeito, a sección tipo pasará a ter dous carrís de circulación de 3,5 metros cada un, beirarrúas de 1,5 metros e senda peonil da mesma medida, así como beiravías de entre 0,5 e 1,5 metros dependendo da zona.  

Para isto será  preciso levar a cabo a escavación de máis de 16.800 metros cúbicos de terreo e facer 11.000 metros cúbicos de terraplén. Así mesmo, será preciso estender máis de 6.200 toneladas de mestura botuminosa. Finalmente, faranse os labores de drenaxe e sinalización así como a instalación de iluminación. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical