Ribeira, 1 de setembro de 2011. O alcalde de Ribeira e deputado provincial, Manuel Ruiz Rivas, foi designado polo presidente desta última administración para formar parte como representante da mesma no Consello de Administración de Portos de Galicia. Así lle foi comunicado ao rexedor en escrito remitido con data 25 de agosto.
Para o rexedor ribeirense "é unha satisfacción" que o presidente da Deputación teña pensado nel para defender os intereses dos portos da provincia da Coruña, pola importancia que se está a dar con esta designación ao porto de Ribeira en tanto principal porto de cantos en Galicia son de competencia autonómica.
Así mesmo, convén salientar que este nomeamento satisfai unha demanda plantexada en diversas ocasións por grupos municipais da Corporación de Ribeira. Ruiz Rivas manifestou que acollerá esta representación provincial “coa responsabilidade que require defender os importantes investimentos e necesidades que os portos teñen en concellos como o de Ribeira”.
A este respecto, cómpre salientar que ademais de Santa Uxía, o municipio conta con infraestruturas portuarias en Aguiño, Ameixida, Castiñeiras, Corrubedo, Insuela e Palmeira.
Na nota de prensa do Concello ribeirense non se especifican os emolumentos que vai cobrar (ou non) o alcalde por este posto.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario