- Están listos os orzamentos, de case trinta millóns de euros, os máis altos da historia ribeirense grazas a un programa europeo
Ruiz Rivas na Festa do Percebe de Aguiño coa conselleira de MarRibeira, 19 de setembro de 2011. O Executivo Local que lidera Manuel Ruiz Rivas cualifica en nota de prensa como "moi positivos estes 100 primeiros días de lexislatura, nos que se asentou a acción de goberno para os próximos 4 anos".
E seguen co autobombo ao longo de toda a nota:
"Un dos logros máis importantes dos acadados ao longo destes pouco máis de 3 meses foi o do financiamento con 5 millóns de euros da Unión Europea do proxecto Riveira Atlántica: un plan comezado co goberno anterior que, cun orzamento total de 7,2 millóns, engloba 11 actuacións dirixidas a transformar a fisonomía da cidade e das parroquias de aquí ao 2015
Entre as actuacións incluídas no Riveira Atlántica figura a construción dun novo mercado municipal no mesmo lugar onde se sitúa o existente. O equipo de Goberno espera poder proceder xa este mesmo ano co traslado dos praceiros e praceiras a un emprazamento temporal nun solar anexo á praza de España e iniciar a demolición do edificio actual.
A creación dun centro social e de ocio saudable en Oleiros, a construción dun paseo marítimo-terrestre polo borde litoral de Riveira, un parque biosaúdable e itinerarios verdes en Oleiros-Artes, un plan de mobilidade e accesibilidade da área portuaria, a recuperación da antiga aldea mariñeira na illa de Sálvora, a creación dunha rede de miradoiros e vías paisaxísticas, a recuperación de Área Secada ou a rexeneración ambiental e patrimonial do río Artés ou Arlés son outras das actuacións incluídas.
Precisamente gardando relación con esta última acción cabe recordar que o último día de xuño se soltaron 5.000 alevíns de troita común na parte alta do río Arlés. Outra importante iniciativa dende o punto de vista medioambiental foi o da solta de 100 perdices en San Amedio (Oleiros), Artes e Carreira.
Por outra parte, o Executivo foi quen nestes 100 días de elaborar os borrador dos orzamentos municipais e aprobouse a oferta de emprego público que consolidará 95 postos municipais.
O tráfico rodado e a seguridade viaria rexistraron unha importante reordenación na zona do Malecón a través de instalación de semáforos (por agora provisionais e moi pronto definitivos) para regular toda esta céntrica, dando resposta así á demanda da cidadanía. Cabe lembrar que esta actuación incluíase inicialmente dentro dun novo plan de regulación do mercadillo dos sábados que tamén está a incidir na mellora da limpeza durante o funcionamento desta acción comercial. Cómpre lembrar aquí que outra das novidades desenvolvidas por este Goberno foi a creación os venres dun novo mercado ambulante en Palmeira que está axudar a dinamizar a actividade comercial da parroquia e en especial da súa praza de abastos.
No apartado de mellora das infraestruturas viarias e renovación de servizos de saneamento, nestes 100 días iniciáronse actuacións na rúa Lepanto, o barrio de Cubeliños, Rocapellón (vía situada en Corrubedo, xa rematada) e O Vilar (Carreira). Ademais, atópanse en distintas fases de tramitación do expediente outras accións na praza Uxía Novoneyra e nas rúas Cervantes e Cristóbal Colón e a estrada de Deán Grande, ao igual que o proxecto de ampliación de beirarrúas e supresión de aparcamentos na vía posterior á Casa Consistorial.
Atención cidadá
Estanse ultimar unhas novas dependencias na Casa do Concello no espazo onde estaba situada a Policía Local que teñen por principal obxectivo convertelo nunha Área de Atención Cidadá de nova creación. Cabe destacar tamén a recente apertura das novas instalacións dos Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller na praza 8 de marzo ou a próxima entrada en funcionamento no mes do outubro da tan esperada Casa da Xuventude
No transcurso do verán puxéronse en marcha tamén novas iniciativas específicas para a estación estival como un autobús turístico que se potenciará o ano que ben ou a creación dunha patrulla policial de proximidade en bicicleta para rúas peonís e paseos marítimos.
No aspecto cultural cabe salientar a recuperación da procesión marítima e o feito de que na Feira Artesanal e Mariñeira cobrou maior protagonismo que nunca este último adxectivo, grazas á implicación no evento do tecido empresarial e hostaleiro do municipio. Ademais, o Concello xa está inmerso ina organización dunha Semana do Mar para o verán de 2012 que avogará pola promoción e comercialización dos produtos do mar. Outro aspecto relevante foi a supresión temporal dos cátering nos eventos festivos e culturais en liña coa política municipal de austeridade (os cartos aforrados serán doados a algunha ONG riveirense).
A destacar tamén a boa sintonía do Goberno Municipal con outras Administracións, como se constata con actuacións tan importantes para o municipio como a nova lonxa (o proxecto técnico está practicamente ultimado), a estrada de Xenxides a Corrubedo (xa foi adxudicada e está previsto que as obras comecen en outubro), a futura creación dunha rotonda na estrada do Vilar, a redacción dun plan especial para o Parque Natural ou a próxima instalación de alumeado de tecnoloxía LED nas rúas 9 de agosto, Rosalía de Castro e Otero Pedrayo, entre outros proxectos".
O goberno ribeirense evitou pronunciarse nesta valoración sobre as modificacións na oferta educativa, que continúa a crear polémica no municipio
Nin unha pinga de autocrítica. E á oposición non se lle agarda, alomenos na Rede, onde a súa actividade baixou a mínimos históricos xusto agora que é cando máis están a medrar os usuarios de internet activos, en especial nas redes sociais.
Orzamentos
Case doce millóns de euros de investimento
O orzamento municipal do Concello de Ribeira para o exercicio 2011 que será sometido á consideración do pleno o vindeiro luns ascende a un total de 29,24 millóns de euros: un 37,28% máis que o orzamento da anualidade anterior, o que significa a maior contía orzamentaria na historia do municipio.
Cabe salientar "moi especialmente", explica o goberno local, o importante incremento rexistrado no capítulo de investimentos, que alcanza un total de 11,89 millóns de euros (o que equivale ao 40,67% do total do orzamento), a pesar dos difíciles momentos que están a atravesar os entes locais por mor da crise económica e pola práctica paralización da actividade construtiva (de feito, a previsión de ingresos polo ICIO baixa a mínimos históricos por un criterio de prudencia nas contas)
Este notable aumento nos investimentos é posible grazas sobre todo á obtención de fondos europeos para executar o proxecto Riveira Atlántica 2015, que foi aprobado por unanimidade en sesión extraordinaria do pleno celebrada o pasado 12 de xullo. Así mesmo, tamén influíu substancialmente nesta suba o canon obtido pola contratación da xestión de auga e saneamento no 2010.
O importe global do orzamento representa 1.050,51 euros por habitante, se consideran unha poboación de 27.837 individuos do último padrón aprobado.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario