Alumnos do Leliadoura nun bautismo de mar o ano pasado. Poderán facer estas actividades neste curso?
Ribeira, 26 de setembro de 2011. O pasado 9 de setembro publicamos o acordo do Consello Escolar do IES Leliadoura polo que, entre outras cousas, non se aceptaban os 2 grupos de PCPI's procedentes do CIFP Coroso, asignados pola Administración no último momento e sen comunicación por escrito. Trala recepción dun correo electrónico da Administración o pasado mércores 14 de setembro a Dirección do IES Leliadoura viuse na obriga de acoller estes PCPIs de modalidade B, en contra do acordo do seu Consello Escolar. Isto provocou unha reorganización do centro, "con serias dificultades, tanto pola falta de recursos (espazos, horas de profesorado, equipamento) como polo inminencia do inicio do curso", explican dende ese centro educativo.
O último episodio desta historia sucedeu o xoves da semana pasada, 22 de setembro, cando a Dirección do IES Leliadoura recibíu por fin o listado do alumnado destes 2 grupos de PCPI procedentes do CIFP Coroso, que recibirían os módulos teóricos 2 días á semana nas súas instalacións. Foi ao comprobar que un destes grupos presentaba un déficit de matrícula (6 alumnos cando o mínimo esixido son 8) cando o equipo directivo do IES Leliadoura se puxo en contacto coa Inspección educativa e a Dirección do CIFP Coroso para correxir o problema.
Na solución adoptada decidiuse que o CIFP Coroso formaría só un grupo de PCPI, no canto dos 2 previstos inicialmente, e os 6 alumnos do segundo grupo non formado incorporaríanse aos outros 2 grupos de PCPI de modalidade C impartidos no IES Leliadoura, onde aínda quedaban prazas vacantes. Cómpre aclarar que nesta modalidade C o alumnado desenvolverá a súa formación práctica, 3 días á semana, en empresas da comarca, o que foi recibido positivamente polas familias por ter así un contacto máis real có mundo laboral.
Como consecuencia destes cambios de última hora, ao asumir 3 grupos en lugar de 4, o IES Leliadoura aliviará en parte os problemas derivados da falta de espazos e recursos, pero como contrapartida requerirase unha nova reorganización coa finalizade de optimizar os recursos, o que implicará a reelaboración dos horarios de todo o centro ao longo da próxima semana.
Este luns 26 de setembro, ás 11 da mañá, levarase a cabo a presentación dos 3 grupos de PCPI nas instalacións do IES Leliadoura, coa presenza de alumnado, pais, nais e titores. Outro tema pendente de resolver aínda é o de como se resolverá o reparto da finanzación do Fondo Social Europeo dfeste 3º grupo de PCPI de modalidade B compartido entre o CIFP Coroso e o IES Leliadoura.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario