Retrato de Jorquera nun vello valado de propaganda electoral
A Pobra do Caramiñal, 26 de setembro de 2011. O portavoz do BNG no Congreso, e candidato do BNG por A Coruña, afirmou o pasado venres nun acto celebrado na Pobra do Caramiñal, que “o PP e o PSOE demostraron que non cren nen teñen ningunha intención de mellorar a calidade democrática e aproximarse á cidadanía”.
Jorquera fixo esta afirmación no marco dun acto do BNG adicado a explicar a reforma da Constitución pactada entre o PP e o PSOE para establecer o límite de défice na Carta Magna.
O referendo: unha oportunidade perdida
O parlamentar do BNG explicou que precisamente o xoves pasado remataba o prazo para rexistrar no Congreso as 35 sinaturas necesarias para que se convocase un referendo, “tan necesario non só polo contido da reforma senón para facer partícipe á sociedade de decisións que van afectar o seu futuro”.
Jorquera lamentou que só 18 deputados e deputadas procedesen a dar o paso e manter “a coherencia política, as nosas firmes convicións democráticas demostrando que queremos que a cidadanía se pronuncie en temas de tanta relevancia como o tratado”. Neste sentido, chamou a atención sobre o feito de que a Carta Magna vaia recoller unha “única política económica. Érguese a norma constitucional un dos principios máis duros do neoliberalismo, e se establece unha política económica que se demostrou contraproducente para a recuperación económica e inxusta socialmente”.
O deputado do BNG ten claro quen son os responsábeis da falla de consulta popular e será “ao PP e ao PSOE a quen se teña que peder explicacións por unha decisión adoptada de costas ao xogo democrático, unha decisión adoptada con nocturnidade e alevosía, a instáncias de poderes non democráticos e que convertiu aos parlamentares en meras máquinas de votar”.
Salientou o feito de que “dos 23 deputados/as galegos electos, tan só 2 estampamos a nosa sinatura, e serán os outros 21 os que se teñan que explicar ante a sociedade”, en referencia a PP e PSOE, que pactaron esa controvertida e áxil reforma que ningún levaba no seu programa electoral.
Jorquera tamén engadiu que “a rexeneración da vida política e a mellora da democracia son asignaturas pendentes pero lamentabelmente non todos compartimos estes valores. No BNG temos claro onde hai que estar”.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario