27.9.11

Ribeira: organizan campamento para formación continua de monitores de tempo libre este sábado 1 de outubro

Campamento_monitores



Ribeira, 27 de setembro de 2011.- Ribeira vai ser escenario ao longo do sábado 1 de outubro dunha actividade que ten a dobre intención de fomentar a formación continua dos profesionais do tempo libre e á vez servir de espazo no que se dean cabida actividades lúdicas e divertidas. Trátase do Campamento para Monitores, que cumpre a súa segunda edición e vaise celebrar no Hotel Río Azor. 

O evento está promovido pola Asociación Cultural, de Ocio e Tempo Libre Arrecó, coa colaboración doutras entidades como a Consellería de Traballo e Benestar, Kayak Amextreme, Hotel Río Azor, Golfiño e Sx Sportiba. A concelleira de Xuventude, Aroa Fernández, e o presidente de Arrecó, Mario Vidal, foron os encargados de explicar polo miúdo os detalles da iniciativa. 

O campamento está dirixido principalmente a monitores e directores de tempo libre, pero tamén é idóneo para mestres, educadores sociais, pedagogos, psicólogos, animadores socioculturais, e todos os interesados en recibir unha formación vivencial no ámbito da educación non formal. 

Outdoor Training

Os alí presentes traballarán baixo a innovadora metodoloxía do Outdoor Training, que se serve da natureza como aula e a aprendizaxe experimental como método, co propósito de reflectir a través de actividades no medio natural e a súa posterior análise, un ambiente similar ao cotián. 

Pola mañá en horario de 10 a 13 horas se farán distintos obradoiros para que os participantes reciban unha formación continua no campo do tempo libre. Os obradoiros serán: iniciación ás técnicas básicas de montaña (rapel, tirolina, ponte mono, ponte tibetano,... a cargo do alpinista e garda civil Andrés Villar Murillo), iniciación ás danzas do mundo (que impartirá Lola Pérez Carreira) e cancións de animación, por Ana Domínguez Chouza). 

A partir das 13 horas e ata as 19 horas levaranse a cabo as actividades de Outdoor-Training. Haberá unha parada para comer todos os participantes xuntos. 

A partir das 22 horas haberá unha cea de despedida e entrega de diplomas. Está prevista a visita a esta acción do director xeral de Xuventude da Xunta, Ovidio Rodeiro. 


O prezo para asistir a esta actividade é de 30 € e as prazas cubriranse por orde de inscrición. Xa hai máis de 40 persoas interesadas e a organización espera superar a medio centenar, cifra alcanzada na edición do ano pasado.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical