- Vinte anos despois, Galicia volverá a contar cunha forza política propia e moderada nunhas eleccións ás Cortes Xerais, logo de presentados os avais ante as xuntas electorais provinciais
Barbanza-Noia, 19 de outubro de 2011. Converxencia XXI acadou o aval da sociedade galega para presentarse ás eleccións ás Cortes Xerais do Estado do vindeiro 20 de novembro. Con tan só dous anos de vida, este partido galego que se di "de centro", conseguiu xuntar preto de 4.000 sinaturas entre as catro circunscripcións electorais galegas.
Deste xeito Converxencia practicamente dobra o requisito esixido pola lei electoral, que se “reformou precisamente para bloquear a entrada de novos partidos e novas ideas”, lembra o seu secretario xeral Carlos Vázquez Padín. Segundo esta reforma electoral, os partidos políticos sen representación no Congreso e no Senado necesitan o 0,1% do censo electoral provincial en avais de cidadáns, debidamente asinados e cos seus datos completos.
Converxencia XXI, un partido que asegura financiarse "só coas cotas dos seus afiliados", fixo un grande esforzo material e humano despregando mesas, e visitando cidadáns porta por porta nas principais cidades e vilas de Galicia. "Grazas a este esforzo, Converxencia XXI foi o único partido sen representación parlamentaria que conseguiu as sinaturas necesarias nas catro províncias galegas", afirman en nota de prensa.
Antonio Pérez, coordinador electoral da formación, afirmou que ademais de recoller os avais, os afiliados de Converxencia XXI "recibiron tamén numerosos apoios de galegos e galegas que cren necesario o novo proxecto político que defende Converxencia XXI para Galicia". Así, o secretario xeral, Carlos Vázquez Padín, expresou o seu agradecemento aos cidadáns que asinaron os avais e aos que escoitaron a atenderon amablemente os afiliados da formación. “Vinte anos despois, os electores decidiron que Galicia merecía unha opción electoral, de centro galeguista, seria e dinámica”, sinalou Vázquez Padín.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario