25.10.11

Ribeira: o conselleiro de Infraestruturas fai unha visita de precampaña electoral para anunciar investimentos

  • Agustín Hernández aproveitou para presentar o Plan de Saneamento Local de Ribeira, no que se investirán mais de 25 millóns de euros
  • A Xunta non licitará ata 2012 as obras da EDAR de Ribeira, que se instalará no polígono de Couso e que cubrirá, disque, as previsións de crecemento da vila para os vindeiros 25 anos
  • Augas de Galicia porá en servizo ao longo do mes próximo o bombeo industrial de Ribeira, que actualmente está en probas e tamén en novembro (o 20N son as eleccións) comezan as obras da estrada Oleiros-Corrubedo

Ribeira, 25 de outubro de 2011.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández fixo unha visita evidentemente preelectoral esta mañá na que anunciou auténticas chuvias de millóns, non só para Ribeira, senón para toda a bisbarra de Barbanza. Casualmente, varias obras comezan ou póñense a punto no mesmo mes das eleccións xerais do 20 de novembro.

Anunciou esta mañá o conselleiro visitante que Augas de Galicia licitará o vindeiro ano as obras da Estación depuradora de augas residuais (Edar) de Ribeira, que se ubicará no Polígono de Couso. Explicoullo ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, co que mantivo unha reunión na que lle trasladou que a calidade das augas constitúe unha fonda preocupación e unha prioridade para a Xunta de Galicia, tal e como se revlicte nos orzamentos de 2012, e sobre todo -e xa se pon a nota da Xunta en plan poético- "é primordial en lugares como Ribeira, nos que ademais de ser unha fonte de vida e de beleza, é unha fonte de riqueza e de emprego". Un verso solto, un brinde ao sol da Xunta de Galicia, ao que lles gustaría replicar dende a Sociedade Galega de Historia Natural, como publicamos hoxe mesmo aquí.

Destacou Hernández que a Edar de Ribeira é froito "do esforzo do Goberno galego e máis na actual situación de conxuntura orzamentaria". Esta infraestrutura está dimensionada para depurar as augas de 36.000 habitantes, o que cubrirá as previsións de crecemento da vila para os próximos 25 anos. Explicou que, "debido á sensibilidade e á importancia das augas desta zona, esta infraestrutura prevé que, no case imposible caso de fallo da estación, os alivios se produzan de xeito que se preserven tanto os bancos como a área de Corrubedo. Outra das garantías deste proxecto é que se prevé unha técnica específica para a execución do emisario que protexa aos bancos de percebes". Unhas declaracións que se contradín abondo co expresado a semana pasada por Asociacións Protectoras do Medio Ambiente sobre este parque natural.

O conselleiro explicou que tanto a Edar, como os colectores e os tanques de tormenta, licitaranse nun só contrato por un importe global de 22 millóns de euros. Argumentou que no que queda de ano se vai iniciar a tramitación ambiental do proxecto, e a administrativa coa información pública do estudo de viabilidade. Explicou que esta actuación forma parte das accións dos plans de saneamento local que está a elaborar a Administración autonómica, que xustamente comezou na Ría de Arousa. Sobre todo tendo en conta que as augas desta zona nas que só o cultivo do mexillón dá traballo a máis de 5.000 persoas.

Plan de saneamento local
A nova EDAR enmárcase no Plan de Saneamento Local da Ría de Arousa para o concello de Ribeira, que supuxo un investimento de case 600.000 euros. No estudo realizado pola Consellería de Medio Ambiente, ao longo de 2010 e 2011, analizáronse 72 quilómetros de canalizacións, máis de 2.000 pozos e 13 estacións de bombeo, así como os comportamentos da rede en distintas épocas do ano.
“Sen dúbida, un grande esforzo económico e técnico, que pagou a pena, posto que este estudo permite ofrecer a Ribeira solucións robustas, que servirán para mellorar a calidade destas augas e nas que as Administracións traballan en paralelo”, sinalou Hernández. Neste senso, recordou que as decisións da Consellería sobre a nova depuradora respectan o acordo plenario do Concello de Ribeira.

Entre os problemas detectados na rede de saneamento de Ribeira destaca a existencia dun gran número de puntos de vertido, infiltracións de augas limpas e inundacións da rede por auga de mar e mala xestión da auga de choiva e depuración deficiente, ademais de que o emisario de Touro, punto de vertido principal da rede, está moi deteriorado. A actuación mais urxente é necesidade de dotar ao concello dun sistema de depuración eficaz para tratar as augas residuais da zona.

Relacionadas:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical